Fruga e Unións Agrarias saen en defensa da tenreira galega

Os sindicatos agrarios galegos saen en defensa dun modelo baseado en explotacións familiares, respectuosas co medio no que se asentan e que favorecen a fixación de poboación no rural.
Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).
photo_camera Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).

O ministro de Consumo, Alberto Garzón, volveu atacar a produción de carne de vacún. Desta vez fíxoo nunha entrevista no diario británico The Guardian, na que criticou a sustentabilidade e a calidade da produción de carne no Estado español. 

Este novo ataque tivo á súa vez unha forte contestación por parte dos sindicatos agrarios, que non dubidaron en esixirlle unha inmediata rectificación e, nalgúns casos, mesmo o seu cesamento como ministro.

Como indica a Nós Diario Elías Somoza, coordinador de servizos gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), no sindicato comparten a súa oposición á construción de macrocebadeiros como o de Soria, "o que non implica que non defendamos o modelo de gandería familiar que se practica no país". 

Somoza apunta que, no caso da Galiza, son milleiros as explotacións de vacún existentes, "algunhas con unha ou dúas vacas, outras con máis", cuxa actividade "é totalmente sustentábel e respectuosa co medio" e contribúe a manter un rural "vivo". 

Neste senso, abunda en que moitos deses produtores están amparados baixo o selo de calidade 'Tenreira Galega', un modelo que avoga por "seguilo defendendo" xa que "é o único que está a evitar que o rural se converta a Galiza nun deserto demográfico". 

Petición de cesamento

A este respecto pronunciouse tamén Unións Agrarias (UUAA), que reclamou a saída do goberno español do ministro de Consumo, Alberto Garzón, polas súas declaracións, nas que, segundo o sindicato, amosou unha "actitude de desprezo ao sector agrogandeiro e ao medio rural" sen contemplar a contribución económica, social e ambiental deste sector en moitas comarcas do país.

Unións Agrarias, ao igual que a Fruga, destacou o modelo da 'Tenreira Galega', un selo de calidade ao que están adscritas unhas 8.000 explotacións no país, como exemplo de tratamento animal lonxe dos malos tratos dos que falaba o ministro.

Ademais, en referencia ás "tramas" que mencionaba Garzón na entrevista, lembran ao titular de Consumo que, lonxe de enriquecerse, moitas das explotacións galegas están a vender a carne de vacún "por menos do que lles custa producir". 

Esta práctica, prohibida na lei da cadea alimentaria, está estendida tanto neste sector como no lácteo, poñendo en risco a continuidade dunha actividade sustenta moitas comarcas no país, como teñen denunciado estas formacións xunto co Sindicato Labrego Galego (SLG). 

Comentarios