Fruga responsabiliza PP e PSOE da ausencia de eleccións no agro galego

As últimas tiveron lugar en 2002.

XANCEDA GRANXA vacas leite

Fruga responsabiliza PP e PSOE da ausencia de elección no rural galego para escoller os seus representantesno Consello Agrario Galego. A Federación Rural Galega indica que o pasado día 4 o BNG reclamou no Parlamento galego a convocatoria de elección, as últimas foron hai 18 anos, “obtendo como resposta o voto negativo tanto do PP como do PSOE”.

En 2006 constituiuse o Consello Agrario Galego como órgano participativo e consultivo da Consellería do Medio Rural coa presencia, a partes iguais, das tres organizacións agrarias que obtiveran representación nas eleccións de 2002: Xóvenes Agricultores (XXAA), Unións Agrarias (UUAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG).

Para a Fruga, despois de 18 anos a realidade “ten mudado, e moito, tanto no mundo rural como nas organizacións agrarias”. De feito, apunta, Xóvenes Agricultores, unha das organizacións que facía parte do Consello Agrario, desapareceu.

“Neste momento o goberno galego está incumprindo a lei 1/2006 do Consello Agrario Galego no que ten a ver co artigo 4 referido á composición, xa que das doce persoas en representación das organizacións agrarias soamente están presentes oito, como consecuencia da desaparición de unha das organizacións que tiñan presencia no mesmo”.

Fruga reitera, logo, a necesidade de convocar elección. “ En definitiva estamos a pedir que a democracia chegue tamén ao ámbito das persoas que desenvolvemos a nosa actividade profesional no sector agropecuario”.

Comentarios