Fruga pide un plan estratéxico que contemple consolidar “un gran grupo lácteo galego”

A Federación urxe a Xunta a “facer as tarefas” para reverter o esmorecemento do sector en Galiza. “Xa son menos de 9.000 gandeirías as adicadas a producir leite”.

Explotación leiteira
photo_camera Explotación leiteira

A Federación rural galega (Fruga) empraza a Xunta de Galiza a deseñar un plan estratéxico para o sector lácteo galego, para comezar a “facer as tarefas” e pular para que cambie o declive dun sector que xa está por baixo das 9.000 explotacións. En 2008 superaban as 13.000. Un plan estratéxico que, a xuízo da federación, tería que abranguer “a necesidade de ir consolidando un gran grupo lácteo galego, como existe noutras partes do estado”. Coordenar as distintas iniciativas, apostar na diversificación da produción... serían outras das cuestións a ter en conta neste plan estratéxico, sinala a Fruga. Trátase, din, de que “se empece a tomar o sector lácteo como un asunto de Estado”.

Hai consenso entre o sector produtor sobre que medidas adoptar para intentar reverter unha situación da que a responsabilidade recae nas “políticas neoliberais aplicadas pola UE, co consentemento dos gobernos español e galego”. A intervención das administracións é chave, sostén a Fruga, incidindo en que nesta cuestión hai consenso no sector produtor, na necesidade de aplicar “mecanismos de intervención” que permitan regular os prezos. 

Comentarios