Fruga pide que se amplíe o prazo para os plans de mellora das explotacións agrogandeiras

forraxe rolos rural agro

A Federación Rural Galega (Fruga) informa que hai unha serie de explotacións agrogandeiras en Galiza que están en dificultades por mor da tramitación dos expedientes dos Plans de Mellora. “Neste momento, moitos solicitantes non dispoñen da licenza municipal oportuna, como consecuencia de que para a tramitación se precisan informes sectoriais que ten que emitir a propia consellería do Medio Rural, ou ben a confederación hidrográfica, e nalgúns casos a dirección xeral de patrimonio, e noutros a consellería de Medio Ambiente. Os concellos non puideron tramitar estes expedientes porque non dispoñían dos informes sectoriais correspondentes, co cal a falta de menos de 10 días para que remate o prazo, os afectados non van poder tramitar as licenzas correspondentes, e como tal perderan a axuda dos plans de mellora, o que vai ocasionar a perda da axuda para facer fronte aos investimentos que necesitan enfrontar”, explican.

Por iso desde Fruga solicitan á Consellería do Medio Rural que amplíe o prazo de tramitación destas axudas,  que remata o próximo día 15 de Setembro, co fin de que ningún expediente de solicitude fique sen poder ser tramitado.

Comentarios