Fruga e Oruga reivindican o seu dereito a ter presenza nos órganos da administración para representantes do rural

No 2002 foron as últimas eleccións e delas saíu o Consello Agrario Galego, composto por tres organizacións representativas. Quince anos despois, esa foto mantense fixa malia que realidade é moi diferente. 

Fruga Oruga En Marea e BNG
photo_camera Imaxe: En Marea

Na Galiza do 2017 a representación e interlocución entre a administración galega e as organizacións agrarias faise en base aos resultados dunhas eleccións que se realizaron en 2002, uns comicios, ademais, para as Cámaras Agrarias, entidades que xa non existen na actualidade. Corrixir esta situación para que a representación sexa acaída á realidade actual do agro e rural galego é a finalidade do encontro que esta cuarta feira, 29, mantiveron delegacións da Federación rural Galega (Fruga) e da Organización rural galega agroforestal (Oruga) cos grupos parlamentares. Unha reunión na que as dúas entidades reivindicaron poder ter presenza nos diferentes órganos da administración galega de carácter consultivo, de debate, diáolgo e participación que afecten ao mundo rural.

“Nestes 15 anos decorreron cambios moi importantes”, explicou Manuel Da Cal, coordinador da Fruga, “tanto na propia base do rural como nas organizacións existentes: apareceron novas, como Fruga e Oruga”, outras xa non son as que eran hai tres lustros... Porén esta nova realidade  topa coa “cerrazón” da administración, afirma, que non lle recoñece capacidade de interlocución, unha situación "que é preocupante". Para Tomás Díaz Castañeira, presidente de Oruga, é mester atopar un mecanismo “para dar entrada” a todas aquelas organizacións novas, “e así poder expresarnos” e ter  diálogo coa administración.  

As demandas de Fruga e Oruga contan co apoio de BNG e En Marea. O nacionalista Xosé L. Rivas, 'Mini, concordou no importante cambio no agro que se viviu nestes 15 anos, polo que “ten que haber canles de comunicación” entre administración e as novas entidades existentes. Na mesma liña, Manuel Lago (En Marea), instou a Xunta a “recoñecer o que existe realmente e na actualidade no rural” e considera que non pode badsearse a representatividade en 2017 nunhas eleccións feitas en 2002. Ambas as dúas forzas valoran presentar unha proposición non de lei sobre esta cuestión.

Da Cal informou que tamén se reuniran co grupo parlamentar do PP, cuxo representante  lles manifestou que os chamaría para a semana, e que en breve reuniranse co GP do PSdeG, co que desta volta non puideron encontrarse por problemas de axenda dos socialistas.

Precedente

Desde Fruga lembrouse que en 2014 xa mantiveran unha rolda de contactos para que se presentase unha proposición non de lei pola cal o Parlamento instaba o goberno a que a Consellaría de Medio Rural recoñecese a federación como organización agraria representativa. Mais a situación continúa sen cambiar.

O presidente da Fruga, Xurxo Álvarez, preguntouse por que non se convocan novas eleccións. “Que interese hai en non convocalas e en non recoñecer outras organizacións agrarias?”. Considera que a situación actual é “ternos na clandestinidade” .

Comentarios