Fruga insta a Consellaría a dotar o sector lácteo das ferramentas necesarias para superar a crise

A Federación expuxo a necesidade dun órgano de interlocución sectorial e dun grupo lácteo como proxecto estratéxico, para alén de defender un contrato homologado galego.

Fruga
photo_camera Mobilización da Fruga

A necesidade de adoptar medidas firmes e asumir responsabilidades para tirar o sector lácteo da situación na que se atopan, con fechamenos de centos de explotacións nestes meses e caída libre de prezos; foron algunhas das cuestións que a delegación da Federación Rural Galega (Fruga) puxo sobre a mesa durante a súa reunión coa Consellería de Medio Rural. Manuel da Cal, coordenador da organización agraria, explica que lles transmitiron a necesidade de impulsar ferramentas como unha “interprofesional láctea, co nome que se queira, mais un órgano de interlocuión sectorial” no que estean representados produción, industria, distribución, administración e, engade Da Cal, “mesmo os consumidores”.

Para o coordenador de Fruga o que non tens entido é que un país como Galiza, potencia leiteira, “non teñamos nin marquemos liñas de actuación”. Non foi esta a única proposta sobre o lácteo que a Federación lle trasladou ao departamento autonómico. A necesidade dun contrato homologado galego (“tendo en conta as características propias do sector galego”) ou a necesidade dun grupo lácteo galego tamén se puxeron sobre a mesa.

A respeito desta cuestión, Da Cal explica en conversa con Sermos Galiza, que é necesario “un proxecto estratéxico” que non se centre só no leite líquido, senón que vaia máis alá “e entre nos produtos elaborados e con valor engadido”. Lembra que o 80% do leite que se produce en Galiza sae do noso país para ser transformada fóra.

Viticultura

O sector vitícola tamén tivo presenza na xuntanza coa Consellería. A Fruga propuxo medidas como os contratos homologados con prezo (“din que iso non é posíbel polas leis de competencia mais en Andalucía hainos”) ou maior control para que durante avendima non entre uva de fóra de Galiza.

Abordaron tamén o reparto dos dereitos de plantación, solicitando que se executen entre as denominacións de orixe mais gardsando unha reserva pois en breve estarán constituídas IXP como a de Ribeiras do Morrazo e van precisar dereitos de plantación.

As axudas da PAC ou a reptresentación das organizacións agrarias foron outras das cuestións que se trataron. “A administración base a representatividade das organizacións agrarias nos resultados das eleccións feitas ás cámaras agrarias hai 14 anos, cando o panorama actual é moi diferente ao daquela”.

Comentarios