Fruga denuncia que o Plan de Medio Rural é "electoralista"

As medidas anunciadas pola Xunta para o sector do agro tamén recibiron críticas da Federación Rural Galega.
O coordinador xeral de Fruga, Manuel Dacal (dereita) e o coordinador de Fruga en Lugo, Elías Somoza (esquerda).
photo_camera O coordinador xeral de Fruga, Manuel Dacal (dereita) e o coordinador de Fruga en Lugo, Elías Somoza (esquerda).

"A consellaría de Medio Rural está en campaña electoral e teñen que saír como sexa", asegura o coordinador da Federación Rural Galega (Fruga) Manuel Dacal, en relación ao Plan de Reactivación do Rural presentado o pasado 16 de xuño no Consello Agrario. En declaracións a Nós Diario afirma que "polo que sabemos, toda a proposta tería que desenvolverse máis adiante, en todo caso se gañan as eleccións e volven gobernar", polo que "se é así deberían pactar con todos os sectores afectados".

Desde esta organización aseguran que o interese nas eleccións co rural está detrás de actos "como o que tivo lugar nos montes de Avión para falar da loita contra os incendios na que tamén estivo o conselleiro xunto ao presidente da Deputación de Ourense, que pensamos denunciar como un acto de campaña electoral".

Críticas ás declaracións do conselleiro

Fruga critica, tamén, as declaración do conselleiro de Medio Rural, José González, nas que aseguraba que o sector lácteo mantivo os prezos nesta crise. "Os prezos están á baixa e con contratos que agora mesmo semellan ridículos", asegura Dacal, "Lactalis quere reformar os contratos que están en vigor con baixadas de prezos con respecto do contrato inicial", engade. Desde Fruga explican que teñen constancia de contratos en vigor até 2021 que Lactalis quere "obrigar a asinar a 2 ou 3 céntimos menos".

Para a organización agraria nacionalista "os custos de produción deben estar regulados por un organismo oficial e non que cada gandeira ou gandeiro teña que asumir os que impoñen as impresas" polo que entende que “o conselleiro tírase á piscina sen auga". Dacal lembra que "xa denunciamos no seu día que empresas como Lactalis e Celta empregaban esas prácticas ás explotacións que vendían leite ecolóxico".

Comentarios