mércores 05/08/20

Fruga denuncia a indefensión das granxas na negociación dos prezos

Un regulamento estatal que non cumpre a súa función.
Explotación leiteira
Explotación leiteira

A Federación Rural Galega (Fruga) volve incidir na situación de "indefensión" na que se atopan as maiorías das explotacións lácteas da Galiza á hora de negociar os prezos coa industria, pese ao regulamento estatal que obriga a fixar os mesmos en función de criterios obxectivos.

En opinión de Fruga, a aparente mellora nas relacións contractuais xerada a partir das mobilizacións levadas a cabo en demanda de prezos xustos para as producións agropecuarias "tiña trampa". Refírese a que cada unha das explotacións por si mesmas ten que demostrar os seus custos de produción, non podendo empregar para determinalos en ningún caso fontes oficiais do Ministerio de Agricultura como o Estudo de Custos e rendas das explotacións ou o Rengrati (Rede nacional de granxas típicas), nin os diferentes observatorios territoriais e mesmo os estudos feitos por Universidades.

"Os custos teñen de ser demostrados para cada unha das explotacións en concreto cos datos de que dispoña, se dispón, unha situación que deixa a maioría das explotacións na total indefensión", remarcan. Segundo explica Fruga nun comunicado, as empresas lácteas estanse a aproveitar desta situación, pois, nuns casos, veñen de resolver os contratos en vigor, e noutros, a presentar os novos contratos introducindo cláusulas que fan asinar ás persoas titulares das explotacións leiteiras, nas que se indica expresamente que o prezo base que figura no contrato é superior ao custo efectivo de produción da súa explotación. "E se non se asina, ameazan con deixar de recoller", critican.

Ademais de denunciar as presións que están a sufrir as explotacións, desde Fruga exixen a modificación do decreto para que expresamente se permita estabelecer os custos de produción a partir dos estudos de organismos oficiais, como pode ser o Observatorio Lácteo da Galiza.

Neste senso, o sindicato reclama á Consellaría de Medio Rural que retome a idea orixinal de dotar o Observatorio Lácteo da Galiza "dos medios necesarios e suficientes" para facer os estudos oportunos que permitan estabelecer con toda clareza cales son os custos reais de produción das distintas explotacións lácteas do país, atendendo tanto ao tamaño das mesmas como aos distintos sistemas de manexo e produción, para evitar as presións da industria.

comentarios