Fruga demanda á conselleira a constitución dunha Organización de Produtores Lácteos

A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana,recibeu á federación por primeira vez nesta lexislatura

Unha delegación da Federación Rural Galega (Fruga) reuniuse coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, no primeiro encontro que este departamento realiza coa Fruga no que vai de lexislatura. Para o sindicato agrario, a xuntanza supón que a propia Xunta recoñece o novo escenario sindical no rural galego após a constitución da Fruga e a representación atinxida nos recentes comicios aos consellos reguladores das denominacións de orixe e Identificacións xeográficas protexidas.

Entre as demandas e propostas achegadas polo presidente da Fruga, Xurxo Álvarez, na reunión, figura a de constituir una OPL (Organización de Produtor@s Lácteos) galega "como defensa do sector leiteiro". Unha proposta que, en principio, tivo unha acollida positiva por parte da conselleira, que se mostrou convencida de que había que traballar nesa liña.

Outra das cuestións abordadas na xuntanza, tamén relacionada coa actividade gandeira, foi a "grande preocupación" existente no sector pólos baixos prezos das producións, así como a necesidade de incrementar a base territorial das explotacións na liña de" reducir custes e conformar explotacións mais rendíbeis e e sustentábeis".

ZEPA e incineradora

Desde a Federación tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de que a Consellería revise a "imposición" da ZEPA da Limia para abrir un diálogo que permita acadar unha solución na convivencia entre a actividade dos e das gandeiras e a protección das aves.

A Fruga informou a Rosa Quintana do rexeitamento frontal da organización á incineradora do Irixo "un proxecto que suporía a ruína de numerosas explotacións gandeiras e agrícolas no só do concello do Irixo e arredores, tamén rexions produtivas de vital importancia no mapa agrário nacional, como o Ribeiro, poderían ser vítimas dun modelo de xestión de resíduos totalmente obsoleto e verdadeiramente prexudicial para a saúde das persoas e o médio natural en xeral".

Comentarios