Fruga critica que a Interprofesional Láctea española queira cobrar 6 millóns ás granxas de leite

Vacas pacendo

A Interprofesional Láctea Española (Inlac) solicitoulle ao Ministerio de Agricultura que lle autorice a recadar nos próximos anos unha cantidade de case 12 millóns de euros, dos cales a metade serán pagos polas explotacións lácteas, a  costa do prezo do leite. A medida en principio aféctalles ás 7.763 explotacións lácteas que a día de hoxe quedan en Galiza.  Inlac é a organización interprofesional que engloba a todo o sector lácteo do Estado español. Os seus membros representan á produción e á transformación e a súa principal función é velar pola sostibilidade da cadea do sector lácteo.

Fruga considera que se está a vulnerar a normativa de representatividade, tendo en conta, que a interprofesional non acreditou as condicións de representatividade requiridas, e ao mesmo tempo os gandeiros  e gandeiras “vamos ter que pagar unha cantidade que dobra a actual”.

A Federación lembra que en Galiza non se celebraron eleccións que midan a representatividade das organizacións agrarias desde hai 16 anos. “Nestes momentos séguese a utilizar esta convocatoria, como criterio, por parte da Consellería, para elixir os interlocutores do medio rural”.

O papel da INLAC, no que respecta aos prezos do leite, está sendo nefasto, afirma Fruga. “Desde o ano 2002 até hoxe, o índice de prezos do leite o consumidor aumentou  un 24,2 e os produtos lácteos un 26,7, pola contra o prezo do leite pagado ao sector produtor baixou en torno a un 13%”.

“Segundo o noso criterio pensamos que  os gandeiros e gandeiras galegas, non temos porque aportar mais diñeiro para a INLAC, partindo da base de que certos axentes que se outorgan a representatividade das ganderías galegas non están referendados polo sector produtor, e na maior parte dos casos descoñecen a súa opinión, xa que nada se consulta con el. Igualmente pensamos que o papel das propias organizacións de produtores, non ten uns efectos positivos no que se refire a consecución duns prezos xustos para o leite producido en Galiza”.

Comentarios