Fruga critica o desleixo da Xunta na prevención da Covid-19 no medio rural

Fruga exixe ás consellarías de Sanidade e Medio Rural protocolos de actuación e un catálogo de medidas preventivas fronte á Covid-19 para traballos agropecuarios e forestais.
Os traballos da vendima comezaron en moitas adegas sen un protocolo de actuación fronte á Covid-19.
photo_camera Os traballos da vendima comezaron en moitas adegas sen un protocolo de actuación fronte á Covid-19.

A Federación Rural Galega (Fruga) critica o desleixo da Xunta na protección das persoas que realizan traballos agropecuarios e forestais na Galiza. 

Nun comunicado, denuncia que, metidos xa no comezo da vendima e cunha preocupante escalada de contaxios en toda Galiza e non só nas zonas máis urbanas, a medida estrela da Xunta é unha "Solicitude de información empresas agrícolas para cribado de infección polo SARS-CoV-2 en traballadores temporeiros", que a Consellaría de Sanidade remitiu aos Consellos Reguladores das Denominación de Orixe de viños galegas, e ás adegas inscritas nas Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP).

Na súa opinión, a obriga do Goberno Galego, a través das Consellarías que teñen competencias na materia, como son as de Sanidade e Medio Rural, é elaborar un catálogo de medidas preventivas e protocolos de actuación fronte á Covid-19 adaptadas á realidade dos distintos traballos e actividades dos sectores agropecuario e forestal. Estes documentos, apunta Fruga, servirían así de guía e marco de referencia para as pequenas explotacións, persoas autónomas e pequenas empresas de servizos que teñen a súa actividade nestes sectores.

Pero non se trata dunha petición nova. O pasado 17 de xullo Fruga rexistrou senllos escritos dirixidos a Medio Rural e Sanidade a elaboración de ditos catálogos, mais so obtiveron "a calada por resposta e a inacción".

Neste senso, denuncian que a Xunta "segue sen baixar á realidade do país e practica o mimetismo do que están a facer noutros territorios do Estado español que teñen unha realidade social, e un tecido produtivo, moi distinto do noso".

Respecto da solicitude de Sanidade, Fruga sinala que "estando ben facer os PCR preventivos aos traballadores temporeiros, o mundo da vendima non se acaba aí: hai familiares, veciños, amigos e coñecidos que nas pequenas e medianas explotacións agrarias colaboran, dun xeito tradicional e ancestral, nestes momentos punta de traballo na colleita. Que pasa con toda esa xente? Non interactúan entre eles nin co resto dos traballadores temporeiros?". "A analítica dará información do estado de saúde deses traballadores o día que lle saquen a mostra, pero iso non é estabelecer un sistema preventivo para diminuír o risco de contaxio", engade.

Por iso desde a Fruga demandan a Feixoo, "xa que os seus conselleiros non o parecen ter asumido", a elaboración deses catálogos de medidas preventivas e protocolos de actuación para facer fronte ao avance da Covid-19.

Comentarios