O FROB culminará o proceso de privatización do aforro galego forzando a subasta de NCG

O ente público que participa as entidades nacionalizadas insiste en subastar a totalidade de NCG Banco este outono. A aposta do presidente galego, que apoiou a venta do 51% entidade galega a fondos de investimento estranxeiros, fica truncada.

Castellano
photo_camera Castellano

As intencións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente de NCG Banco, José María Castellano, perden forza. O seu plan para vender o 51% da entidade a fondos de inverstimento estranxeiros encóntrase agora co rechazo do FROB, que exixe subastar en setembro a totalidade das caixas galegas nacionalizadas.

Os cinco fondos norteamericanos liderados por Guggenheim, dispostos a invertir 500 millóns de euros na compra da entidade, foron a aposta de Feijóo e Castellano para sortear a subasta de NCG. Mais a operación non convence ao FROB, que busca desfacerse da entidade xa que, con este movemento, mantería unha posición minoritaria cun 12% do capital.

As intencións do FROB confirmarían os temores das voces críticas que no momento da reforma da LORCA, pactada por PP  e PSOE en xullo do ano pasado, alertaban do risco de que a operación desembocase nunha bancarización das caixas para a súa posterior absorción por algún dos grandes bancos privados, transferindo a estes o aforro galego. Porén, Núñez Feijóo desatendeu a reclamación sindical e política do nacionalismo de que presentase un recurso de inconstitucionalidade contra a LORCA, por invadir competencias autonómicas.

Asemade, esta decisión deixa no aire o compromiso electoral de Feijóo de manter a “galeguidade” de NCG e significaría a saída de Castellano, que se enfrontou públicamente ao FROB, como presidente da mesma. Pola contra, os máis beneficiados serían os bancos españois que xa mostraron interese, como o Santander ou La Caixa. 

A única posibilidade para que os fondos tomen o control de NCG sería que garantizasen un "compromiso de permanencia", segundo apuntou o secretario de Estado de Economía, Fernando Jiménez Latorre. O Estado tenta evitar que unha vez a entidade recupere o seu valor, estes fondos de investimento, especializados nestas operacións, procedan a súa venta. 

Comentarios