O FROB recoñece que as axudas á banca son a fondo perdido

O Fondo asume que non vai recuperar 36.000 millóns de euros dos 52.000 millóns que inxectaron en Novagalicia Banco, Bankia, Catalunya Banc, Banco de Valencia, Caja España Ceiss e BMN

As contas do Fondo de Reestruturación ordenada bancaria (Frob) de 2012 contemplan o que xa se temía mais que o goberno español negaba con insistencia: Que os milleiros de millóns de euros de cartos públicos inxectados na banca para rescatala non se ían recuperar.

Agora, o Fondo de rescate recoñece que 36.000 millóns de euros dos 52.000 millóns dados ás entidades financeiras non se van recuperar. Mancheas de cartos a eito que foron para Bankia, Novagalicia (NCG), Catalunya Banc, Banco de Valencia, Caja España Ceiss e BMN. Unha inxección, como lembran en El País, que equivale aos recortes en sanidade e educación.

Ademais, esta inxección de diñeiro, no caso de NGB, non derivou nunha entidade ao servizo do seu territorio. Se ben está en mans do Estado, os plans para ela pasan por subastala, vendela. Ben sexa a un fondo de investimento estranxeiro (opción da que gosta a cúpula do banco e a Xunta) ou ben a un banco maior (opción preferida polo goberno de Madrid). E a estas alturas, todo semella apuntar a que Caixabank (antes, La Caixa) vai ser quen meta no peto a entidade financeira galega.

Comentarios