Apela ao "deber de segredo"

O FROB nega información sobre Novagalicia Banco ao Parlamento galego

En marzo de 2017, a Comisión de Investigación das caixas de aforro solicitou ao FROB diversa documentación relativa a NovaCaixaGalicia Banco (a actual Abanca). O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria nega agora esa información co argumento de que "non está facultado legalmente para levantar o deber de reserva ou segredo" que tutelaría a confidencialidade de determinados dados. O Consello de Estado avalaría esta negativa do FROB. O deber de segredo non rexería no caso de o requerimento ser realizado polo Tribunal de Contas ou por unha comisión de investigación das Cortes Xerais do Estado.

comisao investi
photo_camera Un aspecto dunha reunión da comisión de investigación das caixas [Foto: Parlamento]

O escrito coa resposta do FROB entrou no rexisto do Parlamento galego esta quinta feira 15 de febreiro. Por tanto, case un ano demorou o fondo estatal en responder a solicitude de documentación formulada pola comisión de investigación das caixas de aforro da cámara galega, un órgao que non se reúne desde xullo de 2017. Na súa última xuntanza acordou solicitar informes a distintos organismos con vistas a elaborar as conclusións finais dos seus traballos. A maioría do PP opúxose á demanda da oposición de que houbese máis comparecencias no seo da comisión.

Foi na súa reunión de 23 de marzo de 2017 cando a comisión de investigación do Pazo do Hórreo acordou, dentro do seu plano de traballo, solicitar diversa documentación ao FROB. A petición foi rexistada perante o organismo estatal a 31 de marzo de 2017.

A documentación requerida abranxe distintos aspectos do proceso de privatización das caixas galegas, entre outros o informe do FROB sobre o procedimento de venda de NCG Banco S.A., a Due Diligence encarregada por ese mesmo organismo a PwC que determinou o valor económico de NCG Banco SAS e o caderno de venda desta entidade financeira (actual ABANCA) encarregada polo Fondo a BNP-Paribas.

Pedía tamén a comisión de investigación os expedientes enviados polo FROB á Fiscalía en relación a operacións inmobiliarias de Caixa Galicia e Caixa Nova, ben como os informes de supervisión e seguimento dos procesos de reestruturación bancaria relativos ás antigas caixas de aforro realizados polo Fondo. Tamén se interesaba por ter acceso á resolución de 23 de xuño de 2014, da Comisión Rectora do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria, polo que se acordou a transmisión de máis de 603 millóns de accións de NCG Banco S.A., titularidade na altura do Fondo de Garantía de Depósitos.

O plan de traballo da comisión -en que figuraba a petición desta documentación ao FROB- foi aprobado por 7 votos a favor (PP), 3 en contra (En Marea e BNG) e 2 abstencións (PSdeG). En Marea e BNG basearon o seu voto contrario na oposición da maioría conservadora a que se producisen novas comparecencias para avanzar nas pesquisas.

Argumentación xurídica

O FROB oferece unha argumentación xurídica para xustificar a non entrega da documentación requerida polo Parlamento galego. Apela en concreto ao artigo 59, apartado 1, da Lei 11/2015, de 18 de xuño, de recuperación e resolución de entidades de crédito e empresas de servizos de investimento. Segundo ese texto legal, o FROB "non está facultado legalmente para levantar o deber de reserva ou segredo que tutela a necesaria confidencialidade dos dados, documentos e información que obren nos seus expedientes".

No escrito que o FROB dirixe ao presidente do Parlamento de Galiza para o informar da súa negativa a dar traslado da documentación requerida, o organismo estatal alega que tamén son "de aplicación (...) con carácter supletorio as disposicións sobre confidencialidade e segredo aplicábeis ao Banco de España" e, en concreto, "as estabelecidas no artigo 82 da lei 10/2014, de 26 de xuño, de ordenación, supervisión e solvencia de entidades de crédito".

En todo caso, o propio FROB admite que "se exceptúan da obriga de segredo", entre outros supostos, "as informacións requeridas polo Tribunal de Contas ou por unha comisión de investigación das Cortes Xerais nos termos estabelecidos na súa lexislación específica". Dito doutro xeito, o FROB entregaría esa documentación á comisión criada no Congreso, mais non á constituída no Parlamento da Galiza.

O FROB quixo alicerzar a súa negativa de información nun ditame xurídico e, de acordo co escrito que lle dirixe ao presidente do Parlamento -ao que tivo acceso Sermos Galiza-, o 18 de xaneiro deste ano a Comisión Permanente do Consello de Estado emitiu un ditame sobre o asunto en que se estabelece que o FROB, ao ser un "órgao alleo ao ámbito competencial da comunidade autónoma de Galiza", non tería a "obriga de atender o requerimento de documentación formulado pola comisión de investigación" galega.

Comentarios