Francia tira de participación pública para saír ao rescate das persoas vulnerábeis

Francia fixa en 4% a suba máxima do prezo da enerxía producida polas centrais nucleares da empresa pública EDF
Vista da central nuclear de Nogent-sur-Seine (Francia) propiedade da empresa pública de electricidade EDF (Foto: Olrat).
photo_camera Vista da central nuclear de Nogent-sur-Seine (Francia) propiedade da empresa pública de electricidade EDF (Foto: Olrat).

O prezo medio da enerxía no mercado almacenista volve subir esta terza feira. Escala até os 224,24 euros por megawatt hora (MWh), e se sitúa un 277% por riba do prezo medio rexistrado o mesmo día de 2021 (59,42 euros/MWh).

Ante esta escalada dos prezos, condicionada polas tensións territoriais na fronteira con Rusia e no Norte de África, de onde provén a maior parte do gas natural que se consume en Europa, Bruxelas optou por non modificar os mercados marxinalistas e manter o seu funcionamento. Porén, permitiu os Estados modificar a súa política fiscal para abaratar o recibo da luz ás persoas consumidoras. 

Iso foi o que fixeron países como Francia e España, que aplicaron rebaixas fiscais e suprimiron algunhas figuras impositivas co gallo de que a suba non puxese en risco as economías domésticas da súa cidadanía. 

Pero, a diferencia do Estado español, Francia ten unha ferramenta á que Moncloa foi renunciando durante os gobernos liberais do PP. Posúe 84% do capital da eléctrica EDF, que explota os 58 reactores nucleares do sistema enerxético francés.  

Prezo fixo de venda

Esta situación permitiu o Executivo galo limitar a 4% a suba da factura da luz para as persoas consumidoras máis vulnerábeis, a pesar de que o recibo experimentou desde o pasado verán incrementos superiores a 60%.

A medida, que supuxo un duro castigo á cotización da compañía ─16% do capital restante cotiza na Bolsa─ polas limitacións que impoñen os contratos de venda de enerxía preexistentes, volve pór de manifesto a importancia do control público dos recursos enerxéticos. 

Desde diversos colectivos instouse o Goberno español a replicar a medida que estaba adoptando Francia, pero hai tempo que Moncloa deixou de ter control sobre as eléctricas que operan no país, aínda que Endesa esta controlada por unha firma pública, pero italiana (Enel).

O problema é que o mecanismo empregado por Francia, que consistía nun contrato a longo prazo para que 25% da produción nuclear de EDF se fornecese a un prezo fixo de 42 euros/MWh (cinco veces menos do que se paga hoxe no mercado ibérico) vai en contra dun regulamento europeo que prohibe regular os prezos almacenistas da luz, agás para as fontes renovábeis.

100 euros para conter a inflación

Esta iniciativa do Goberno francés non é a única encamiñada a reducir o impacto das fortes subas de prezos experimentadas pola enerxía e polos carburantes, cuxo prezo incrementouse máis de 35% no último ano.

O pasado mes de outubro, e para evitar unha protesta como a protagonizada en 2018 polo colectivo denominado 'chalecos amarelos', o primeiro ministro galo, Jean Castex, anunciou unha axuda automática de 100 euros para aquelas persoas que perciben menos de 2.000 euros mensuais, incluíndo, ademais de asalariadas e autónomas, as persoas xubiladas.

Esta "indemnización por inflación", como a definiu o titular do Executivo galo, tivo un custo para as arcas francesas de 3.800 millóns de euros e serviu para conter o descontento social polas continuas subas de prezos

Recuperar as concesións

No caso da Galiza, son varios os colectivos, tanto desde o ámbito social como político, que exixen que, unha vez vencidas, as concesións hidráulicas volvan ao dominio público, nalgúns casos para a mellora dos cursos fluviais nos que se integran e, noutros, para que o aproveitamento eléctrico reverta en beneficios económicos no territorio onde se asentan. 

Esta decisión podería verse complementada con outras, como a tarifa eléctrica galega que defende o BNG para compensar o papel da Galiza como produtora de enerxía e favorecer, por exemplo, unha tarifa industrial estábel. 

A formación nacionalista lembra que o país exporta case 30% da enerxía que produce, pero 14% da súa poboación en situación de pobreza enerxética. 

Comentarios