Frades contará cun museo da cultura e das tradicións

O Concello de Frades vén de arrancar os traballos para pór en marcha un museo da cultura e das tradicións. A base do mesmo é unha colección de apeiros de labranza recollidos polo municipio durante anos. O obxectivo da iniciativa é preservar a súa memoria.

Frades
photo_camera Mostra de ferramentas de traballo organizada polo Museo de Frades. (Foto: Nós Diario).

Frades contará en breve cun museo da cultura e das tradicións. O proxecto, coordinado pola empresa de xestión cultural Acervo, pretende “recuperar, salvagardar, estudar e divulgar de forma pedagóxica a memoria do noso rural, pero tamén a historia, costumes, oficios tradicionais e documentos que mostren o devir do noso concello reflectidos en rexistros fotográficos ou audiovisuais”.

A iniciativa toma como punto de partida unha colección de pezas relacionadas co traballo no rural custodiada desde hai anos polo Concello. Segundo sinalan a Nós Diario desde Acervo, “coas pezas existentes e coas que aporte a veciñanza das parroquias de Frades, tentaremos sentar as bases dun museo activo que recolla e mostre a herdanza que nos deixaron os nosos antepasados ao longo do tempo”.

Os primeiros pasos do espazo museográfico están dados. Nesta liña, traballan na actualidade en “inventariar, catalogar e tratar as pezas existentes así como completar a colección con outros trebellos  representativos da nosa historia e da nosa cultura material tradicional que está desaparecendo”.

A idea do Concello de Frades é “sentar as bases dun museo activo que recolla e mostre a herdanza que nos deixaron os nosos antepasados ao longo do tempo”. Neste dirección, o Goberno local aposta por coñecer “a forma de vida e do traballo dos nosos predecesores”.

A entidade local traballa, tamén, nestes primeiros meses para que a veciñanza ceda ou doe en depósito o material antigo que poida atesourar, co obxectivo de polos en valor e empregalos como recursos de dinamización turística da localidade.   

Os obxectivos do museo de Frades

Acervo significa que “o museo de Frades pretende recuperar, salvagardar, estudar e divulgar de forma pedagóxica a memoria do noso rural, pero tamén a historia, costumes, oficios tradicionais e documentos que mostren o devir do noso concello reflectidos en rexistros fotográficos ou audiovisuais”.

O proxecto de museográfico recolle a posta en funcionamento de diversos espazos expositivos. Así, entre eles destacan unha sección de arqueoloxía, conformado co material  relacionado co mundo das medorras, coa cultura castrexa ou coa romanización, das antigas escolas ou da musica tradicional.

A sección máis ampla da nova instalación museística vai estar ligada a etnografía. A este respecto, desde Acervo indican que “tentaremos reproducir elementos propios dunha casa rural, o mundo da labranza así como dos oficios tradicionais”. Entre estes últimos, destacaran os espazos referidos a labregos, carpinteiros, cesteiros, teceláns, ferreiros, zoqueiros ou telleiros”.

Comentarios