O Foro Tecnolóxico destaca a importancia de incorporar o galego á economía dixital

Persoal investigador aposta por desenvolver a tecnoloxía lingüística.
O IV Foro Tecnolóxico tivo lugar esta sexta feira en Compostela (Foto: Foro Económico de Galicia).
photo_camera O IV Foro Tecnolóxico tivo lugar esta sexta feira en Compostela (Foto: Foro Económico de Galicia).

O IV Foro Tecnolóxico, impulsado polo Foro Económico de Galicia, que reuniu a 30 persoas expertas, remarcou a necesidade de incorporar o galego a todas as ordes da tecnoloxía, da sociedade e da economía dixital.

As expertas, reunidas no Consello Económico e Social da Galiza, concluíron que o universo das tecnoloxías está avanzando "tan rápido" que "se unha lingua non está entre as que as máquinas manexan, terá un futuro complicado e até a súa supervivencia se verá ameazada".

As participantes do Foro manifestaron que, se un país non desenvolve unha industria potente e talento en tecnoloxías lingüísticas, "caerá nunha dependencia tecnolóxica de enormes repercusións socioeconómicas".

Na reunión constatouse que as tecnoloxías lingüísticas, aquelas que se ocupan do procesamento e a manipulación da linguaxe humana, experimentaron un avance "espectacular" nos últimos anos, con fenómenos como os chatbots (software baseado en Intelixencia Artificial capaz de imitar unha conversa en tempo real), os programas que falan, len, escoitan ou as múltiples aplicacións tecnolóxicas.

Así, as expertas do Foro lembraron que hai moitos anos que se utilizan os buscadores no universo internet ou que se usan os tradutores automáticos na vida profesional. Porén, hai "moito máis", sinalaron, como son os asistentes virtuais como Siri ou Alexa, correctores ortográficos e gramaticais, o recoñecemento de voz, o resumo automático, detectores de plaxio, xeradores de texto a partir de datos, etc.

O director do Citius, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro, abriu a xornada, e seguiulle a profesora da USC María Bastida para abordar o valor económico do idioma galego.

Os investigadores do Citius Carmen Magariños e Pablo Gamallo expuxeron o proxecto Nós, unha iniciativa para situar ao galego na sociedade e a economía da Intelixencia Artificial. O impacto económico ao redor das tecnoloxías lingüísticas foi analizado por Luis Otero e Ignacio Rodríguez Gil, da USC. 

Pola súa parte, o empresario Diego Vázquez, socio director de Imaxin (especializada en solucións multimedia, tecnoloxía lingüística, procesamento de linguaxe natural e tradución automática), abordou a industria das tecnoloxías lingüísticas. 

Para finalizar a xornada, interviñeron a xestora do proxecto Nós, María Baqueiro, así como o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), Julián Cerviño.

Comentarios