O Foro Económico ve Galiza mellor que o resto do Estado

Este organismo calcula unha caída da economía máis suave.
As restricións dos últimos meses pasarán factura á economía. (Foto: Europa Press)
photo_camera As restricións dos últimos meses pasarán factura á economía. (Foto: Europa Press)

O indicador Abanca de conxuntura económica do Foro Económico da Galiza destaca que no mes de outubro a actividade económica galega "consolidou a súa mellora", xa que a caída en comparación co mesmo período de 2019 foi de 2,4%, dato que mellora nun punto o indicador de setembro.

"Aínda que o dato de outubro é positivo, é previsíbel que a situación empeore nos dous meses restantes do trimestre, debido ás medidas de contención adoptadas para frear o virus", apuntan desde a entidade.

En todo caso, o Foro cre que "poden manterse" as previsións para 2020 en relación ao comportamento da economía galega, que "será mellor que o do conxunto estatal", nunha porcentaxe que "previsibelmente superará os dous puntos porcentuais".

A análise do indicador, engade, amosa un "extraordinario comportamento da produción de turismos" cun crecemento interanual superior a 40%, xunto coas exportacións, que tamén aumentan máis de 15%.

As variábeis con peor comportamento en setembro foron as e os viaxeiros en hoteis e o transporte, tanto de viaxeiros como marítimo de mercadorías, este último cunha diminución interanual de 11,1%.

Pendentes da vacina

Pola súa banda, o Consello Xeral de Economistas (CXE) mantén as súas previsións de que o PIB a nivel estatal se contraia este ano 12,2% como consecuencia da crise da Covid-19 e tamén sostén que medrará o 5,5% en 2021, 1,3 puntos menos que en setembro, pola incerteza respecto á continuidade de "moitas empresas e empregos".

Para os economistas, aínda que a vacina "aviva as esperanzas" de que nuns meses se controle a pandemia, "polo menos durante o primeiro semestre de 2021 seguiranse sufrindo os efectos sanitarios, sociais e económicos da mesma".

En relación á taxa de paro, os economistas revisan a previsión á baixa até 17,5% en 2020 e estiman que roldará 17% ao 17,5% en 2021. "É previsíbel que unha gran parte dos ERTE se convertan en despedimentos definitivos, en moitos casos para persoal traballador sen  cualificación e con poucas posibilidades de recolocación, e que isto afecte á súa capacidade adquisitiva, o que repercutirá no consumo", advirten desde o Consello.

Comentarios