O Foro Económico sitúa Galiza lonxe do peor escenario pola incidencia da Covid

As persoas expertas do Foro Económico consideran imposíbel que a recuperación económica se produza neste exercicio
Presentación do informe de conxuntura económica do Foro Económico de Galiza (Foto: Arxina)
photo_camera Presentación do informe de conxuntura económica do Foro Económico de Galiza (Foto: Arxina)

Galiza vai fechar 2020 cunha caída da súa economía de 9%, un dato histórico mais lonxe das peores predicións que marcaban as persoas expertas do Foro Económico da Galiza, que advertían de que un novo confinamento severo podía provocar unha caída próxima a 20% do Produto Interior Bruto (PIB) do país.  

A economía galega achégase ao escenario "máis positivo" nas previsións de impacto da pandemia. Esa é a visión que teñen as persoas expertas do Foro Económico da Galiza en base aos últimos datos coñecidos, os do terceiro trimestre do ano, que fan prever un descenso de 9% da economía galega en 2020, "ou mesmo algo mellor", o que a situaría entre "os tres ou catro" territorios con menor caída do PIB. 

Ademais, segundo destacou o director do Foro, Santiago Lago, durante a presentación do informe de conxuntura económica que elabora periodicamente esta institución, Galiza presentará un diferencial positivo de dous puntos respecto dos datos do Estado español ao feche de exercicio, para o que anticipan un descenso de 11%.

Neste senso, Lago apuntou que os datos do último trimestre de 2020 non se esperan tan malos pola "inercia" do avance do terceiro trimestre, no que houbo menos restricións pola Covid-19, e a maior actividade económica.

Deste modo, quedan lonxe as peores perspectivas que había para a economía galega, polas cales se abría a posibilidade dun afundimento do 19% en 2020 no caso de que se producise outro confinamento severo, que finalmente non chegou.

Con todo, o retroceso do PIB galego é superior á media europea (-4,2%) pola maior dependencia de sectores como a hostalaría e o turismo.

A incógnita de 2021

O coordinador do informe e ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, sinalou que as perspectivas para o presente exercicio non están nada claras pola "gran disparidade" en previsións en función da institución que a faga, ao que Santiago Lago engadiu que o que está claro que será "imposíbel" conseguir que a actividade económica se recupere en 2021 se volve haber un afundimento como o rexistrado no primeiro semestre do pasado ano polo confinamento.

Sobre o impacto das actuais restricións, Lago indicou que afectan principalmente a sectores que supón unha "parte relativamente pequena da economía", aínda que estes se ven "moi afectados". Neste senso, confía en que non sexa necesario un novo confinamento estrito, á vez que defende a actual liña de medidas para un "mellor equilibrio" entre o control da pandemia e a actividade económica. 

Preocupa o emprego

Precisamente, González Laxe explica que o descenso do PIB de 2020 está especialmente marcado polo "notábel" descenso do consumo dos fogares (6,9% no terceiro trimestre). Ademais desa baixada na demanda interna (5,4%), o catedrático da UDC resalta tamén a caída dos investimentos (9,2%), superior á do Estado español (7,8%) pola falta de competitividade, que sitúa Galiza nunha posición "intermedia-baixa" a nivel estatal. Precisamente, González Laxe advertiu de que unha das consecuencias da crise será a perda de empresas, dado que compañías que necesitaban unha "asistencia permanente" chegan a "un límite".

Tamén en materia de emprego, o economista Patricio Sánchez debullou a situación "crítica" do mercado laboral galego, con todos os indicadores en negativo salvo o de parados de longa duración.

Novamente, a peor parte desta "preocupante"situación lévaa a xente nova, afectados pola alta taxa de temporalidade dos seus contratos e a precariedade dos mesmos, e as mulleres, pois a poboación ocupada redúcese entre elas en maior medida que entre os homes.

O informe de conxuntura presentado onte vén acompañado dunha análise comparativa entre Galiza e o norte de Portugal a cargo de José Francisco Armesto que volve pór de manifesto a escasa dimensión das empresas galegas. Só 3,4% teñen máis de 10 empregados, fronte 4,8% no norte de Portugal. A este respecto, incide en que as compañías  grandes son as que xeran emprego, apostan na dixitalización e impulsan o gasto en I+D+i.

Comentarios