Formoso e Rego xúntanse co comité de empresa de Alu Ibérica

Rego reclama o rescate de Alu Ibérica ao tempo que Formoso pide "solucións" perante a negativa do Goberno estatal a aceptar a entrada da SEPI na empresa.
Unha protesta á porta da factoría de Alu Ibérica. (Foto: Comité de empresa)
photo_camera Unha protesta á porta da factoría de Alu Ibérica. (Foto: Comité de empresa)

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos López Corbacho, reuniuse esta segunda feira xunta representantes do comité co secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), Valentín González Formoso, e co deputado no Congreso do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego.

Durante a xuntanza, o comité de empresa reiterou a súa proposta de que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) se faga cargo da compañía.

O seu presidente reclamou “valentía” ao Goberno estatal que encabeza Pedro Sánchez (PSOE), para que a SEPI asuma a xestión da planta cando menos de maneira temporal. “Quen non conte co persoal vén a especular cos activos”, declarou no que atinxe aos potenciais investidores.

Tras finalizar o encontro, Formoso pediu “solucións” á Xunta e ao Ministerio de Industria para garantir a viabilidade da planta da compañía na Coruña, laiándose de “incertezas absolutas e falta de compromiso e de calidade” que viven os traballadores. “Como país non nos podemos permitir perder esta factoría”, concluíu.

Tamén propuxo acadar un prezo da enerxía “sostíbel para a produción e a viabilidade da planta” da man dun investidor “solvente”.

A pesar disto, é o Goberno estatal presidido pola mesmo formación política á que pertence Formoso o que se nega a impulsar a entrada da SEPI na factoría, fechando a porta a calquera opción que non sexa a entrada dun novo investidor.

Pola súa parte, Rego exixiu o “rescate” da planta por parte do Estado, cualificando como “unha irresponsabilidade” abandonar este sector, e reiterou que demandarán a intervención da planta.

“A SEPI ten que facerse cargo da planta aínda que sexa de maneira temporal”, destacou o deputado nacionalista.

Comentarios