Foresa segue sen dar explicacións do accidente que liberou químicos en Caldas

Empresa e Xunta levan máis dunha semana sen informar dun incidente na planta do grupo Finsa que está ter consecuencias na saúde dos veciños e veciñas de Caldas
Instalacións de Foresa en Caldas (Foto: Foresa)
photo_camera Instalacións de Foresa en Caldas (Foto: Foresa)

O pasado 12 de setembro, a planta de produción química de Foresa en Caldas de Reis liberou ao ambiente produtos químicos que máis dunha semana despois seguen sentíndose en amplas zonas da comarca. O problema é que máis de sete despois, nin a empresa, pertencente ao grupo Finsa, nin a Xunta, responsábel da xestión de emerxencias, ofreceron unha explicación convincente da evidencia, que non é outra cousa que un serio accidente industrial, denuncian desde o BNG.

"Nin informaron dos produtos químicos emitidos á atmosfera, nin das concentracións acadadas, nin das consecuencias para a saúde pola exposición a estes produtos químicos, demostrando un absoluto desprezo pola saúde das veciñas e veciños que se viron afectados", apuntan desde a formación nacionalista, que afirma que a incidencia acumulada sobre a saúde e o benestar das veciñas e veciños "está sendo moi ampla, provocando cadros de náuseas, mareos, proído de ollos e vías respiratorias e un intenso cheiro químico".

Datos contraditorios

En opinión do BNG, "chama poderosamente a atención que, malia tratarse dun accidente que tivo afectación máis alá dos límites da propia factoría e impactou negativamente na saúde das persoas, en ningún momento activase o Plan de emerxencia exterior de Foresa".

Neste senso, denuncia que os "cativos comunicados" que en boca da empresa emitiron Protección Civil de Portas e os concellos de Portas e Caldas de Reis "son contraditorios e non explican en absoluto que máis dunha semana despois do accidente continúe no ambiente unha nube química que deixa tras de si importantes molestias ás veciñas e veciños".

"O mínimo que debe esixírselle tanto á Xunta como a Foresa é información e transparencia, pois só así as veciñas e veciños poderán volver desfrutar dos seus fogares con tranquilidade" di Manuel Fariña, portavoz do BNG en Caldas. "Cando unha empresa química está estabelecida tan próxima a núcleos de poboación como é o caso, vai no seu propio interese manter a máxima transparencia. Non pode permitirse romper o vínculo de confianza que até agora podía existir coa veciñanza, a súa reputación e credibilidade están en xogo", sentencia o portavoz en Portas, Arturo Fontán.

Comentarios