Fontenla renuncia a dar a batalla por un cuarto mandato na patronal galega

O construtor coruñés, enleado no escándalo Someso, anuncia que se retira e carga con dureza contra o outro candidato, Fernández Alvariño

Antonio Fontenla, desde 2001 na ponte de mando da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), non vai volver a se presentar á presidencia da patronal. Unha decisión que deixa o camiño expedito a Fernández Alvariño, o candidato que lle disputaba o cargo nas eleccións do vindeiro 31 de xullo.

Fontenla, no albo dunha investigación xudicial polo caso Someso, e cunha débeda na súa empresa de máis de 40 millóns de euros, renuncia a competir. Faino presumindo de xestión nestes tres mandatos: “Hai 12 anos a CEG estaba en risco de desaparecer”. E tamén cargando contra Alvariño, que chegaba a esta cita co apoio das federacións provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo. Fontenla considera que nesas candidaturas hai “intereses particulares” que chocarían “co interese común”. A isto engadiu que a candidatura de Alvariño botou man de “componendas” e “repartos” durante o proceso.

Unha milagre

Se ben o veterano empresario coruñés afirmou en que se retiraba e que non ía volver se presentar pois “non quero eternizarme”, sinalou que se se dese “unha milagre” podía haber cambio de opinión.


 

Comentarios