A crise das caixas favoreceu o capital foráneo

Os fondos de investimento estranxeiros fanse co complexo pesqueiro galego

O capital estranxeiro está a colonizar sectores chaves da economía galega. A pasada semana o Instituto Galego de Estatística facía público un estudo onde sinalaba que 82% do sector enerxético e 61% da industria metalúrxica estaban en mans de grupos foráneos. O complexo pesqueiro non escapa a esa realidade.

Factoría de Frigalsa, pertencente ao grupo Iberconsa en Teis
photo_camera Factoría de Frigalsa, pertencente ao grupo Iberconsa en Teis (Foto: Frigalsa)

Iberconsa é a segunda empresa pesqueira do Estado após Pescanova con máis de 2.100 traballadores e traballadoras. A empresa fundada en Vigo en 1981 é líder mundial na comercialización de lagostino austral e de pescada conxelada, conta cunha frota presente en diversos caladoiros e dispón na actualidade de máis de 20 empresas sendo a súa marca máis representativa Nós e a súa rede de tendas Hiperxel.

O fondo de investimento Platinun Equity fíxose con Iberconsa en maio de 2019 após mercar por 550 millóns de euros 55% do investimento á sociedade de capital risco Portobello. Platinun é un grupo estadounidense fundado en 1995 por Tom Gores con participacións en diversos sectores da actividade económica, que vive un importante crecemento após o estoupido financeiro de 2008 até o punto de adquirir no exercicio seguinte 14 compañías. O fondo consegue un gran relevo público a partir de 2011, cando se converte en propietario do equipo de baloncesto da NBA Detroit Pistons.

Discefa é o principal distribuidor de polbo conxelado da Galiza. Fundada en 1982 na Coruña, propietaria de marcas como Rey del Pulpo, Fribó ou Pindusa, está presente en máis de 35 Estados, con forte presenza nos mercados europeos e estadounidenses e procedendo 75% dos beneficios de fóra do espazo ibérico.

A polbeira galega caeu en mans do fondo de capital risco madrileño GED en xuño de 2016 por unha cantidade que se achegou a 60 millóns de euros. GED é unha xestora constituída en 1996 que xestiona fondos por un total de 700 millóns de euros, con participacións en 36 sociedades e cuxo ámbito de actuación se centra no espazo ibérico e do sur europeo. A compañía tentou desfacerse da súa participación en Discefa en 2018, porén desistiu da operación, unha vez que o prezo do polbo se disparou nos diferentes mercados.

O complexo conserveiro non escapou á penetración do capital estranxeiro. Calvo, a compañía de Carballo con máis de 4.000 traballadores en todo o mundo e cunha facturación 593,9 millóns de euros en 2019 —situouna como o principal operador do sector na Galiza— ten no seu capital desde 2012 o grupo Bolton Group. A multinacional italiana converteuse en accionista da empresa tras comprar 40% participacións en mans das caixas galegas, unha vez que entraron en quebra e foron obrigadas a desfacerse dos seus activos industriais. Bolton Group é tamén propietaria dunha conserveira en Boiro e doutra no Grove após mercar o grupo vasco Garavilla en 2019.

En declaracións a Nós Diario, o economista da Universidade de Compostela (USC) Gonzalo Rodríguez considera a chegada de Bolton Group no capital de Calvo como “un caso paradigmático do que está a acontecer no complexo pesqueiro galego”. “Temos no país un problema de ausencia de empresas medianas, coa excepción do sector pesqueiro. As empresas medianas adoitan estar moi ligadas ao territorio, teñen capacidade de crear emprego, innovan e son sensíbeis á súa realidade; porén habitualmente teñen un problema de capitalización. Calvo é un deses grupos medianos que por falla de músculo financeiro vese obrigado a permitir a participación de Bolton Group na súa propiedade”, afirma Rodríguez, que advirte do obxectivo da compañía italiana de “crear un grupo potente a nivel mundial mediante a concentración dos operadores existentes”.

A entrada dos fondos de investimento no complexo pesqueiro galego está asociada ás tendencias económicas globais pero tamén aos problemas de falla de financiamento dos grupos empresariais acentuados tras a desaparición das caixas. “Desde 2018 hai un movemento do capital risco cara á empresa alimentaria porque pensan que pode darse un problema de falla de alimentos, unha tendencia que se está acentuando tras a actual crise, dado que este é un sector moi estábel, cuxas marxes de beneficios non son moi elevadas pero si moi constantes “, expón Rodríguez, quen destaca que “o capital risco entra nas empresas que teñen capacidade para medrar pero non co obxectivo de estabilizalas senón de favorecer procesos de concentración e iso remata provocando a súa desvinculación do territorio”.

Rodríguez advirte dos perigos do capital risco na cadea de valor do sector. “Sendo as empresas de transformación pesqueira operadores moi internacionalizados e con gran capacidade para negociar fóra non rachan cos vínculos locais e manteñen relacións tradicionais cos seus provedores, o que representa para estes un gran valor, ao darlles seguridade e estabilidade”, indica Rodríguez, quen lembra que “as preocupacións dos fondos son outras. Buscar aumentar beneficios de modo rápido”.

A pesca precisa financiamento

A desaparición das caixas galegas está favorecendo a absorción da industria pesqueira nacional polo capital financeiro internacional. Gonzalo Rodríguez considera que “o capital risco e os fondos de investimento desembarcan na Galiza como consecuencia da falta de financiamento do complexo pesqueiro” e nesta situación “a desaparición das caixas galegas é fundamental”.

O profesor da USC entende que “garantir a continuidade do complexo pesqueiro como un sector ligado ao territorio pasa por dotarse de instrumentos financeiros propios de natureza pública”. “Unha vez que desaparecen as caixas e o Igape non serve, non queda outra que contar con novas ferramentas financeiras”, destaca Rodríguez, quen explica que “o sector pesqueiro exemplifica, como ningún outro, os problemas xerados pola desaparición das caixas e a necesidade de contar con instrumentos financeiros públicos”.

Comentarios