Beneficios millonarios

Os fondos batallan polo negocio da AP-9

Son apenas 220 quilómetros, de Ferrol a Tui, mais xeraron 2.700 millóns de euros desde a súa posta en servizo, en 1979. Os custos de construción non chegaron a 1.500 millóns. Anualmente factura por volta de 140 millóns e a concesión non caduca até 2048. Por iso o negocio da AP-9 atrae o interese de fondos internacionais,  enleados na batalla polo control da matriz da xestora da autoestrada. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 314.

[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela
photo_camera [Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela

3A AP-9 non é unha vía fulcral para a comunicación terrestre de Galiza. Nin unha infraestrutura chave na conformación do actual desenvolvemento socioeconómico do país. Nin sequera unha autoestrada para percorrer Galiza de norte a sur o máis axiña posíbel. A AP-9 é un negocio. Un negocio “dos bos”, un choio. Por iso esta infraestrutura posta en servizo a finais de 1979 leva tempo centrando o interese de fondos e investidores estranxeiros, a maioría sen moito interese en saber onde cae Galiza no mapa nin das visicitudes das usuarias e usuarios dunha vía que xestionan cos ollos atentos unicamente ao balanzo de beneficios.

Nos últimos tempos volveu o baile de accionistas ao redor da Autoestrada do Atlántico. Agora, cos fondos de pensións como protagonistas. O economista Suso Veiga explicouno en Sermos Galiza: “Os xestores dos fondos de pensións son especialistas en detectar beneficios potenciais e por iso apostaron nun negocio concesional que caduca en 2048 e proporciona importantes rendibilidades anuais”.

No verán saltaba a noticia: Globalia, controlada por tres fondos de pensións [USS, canadiano; PGGM, británico; e OPTrust, holandés] ía facerse con 55,6% de Itínere (matriz xestora da AP-9), até agora en mans de Abanca, Kutxabank e Sacyr. Con esta operación de 723 millóns de euros acontecía, entre outras cousas, que desaparecían as últimas raíces galegas da AP-9. Globalia, con intereses nos EUA, Chile, ou Irlanda xestiona máis dunha vintena de autoestradas en varios países. Entre elas, as radiais de Madrid, que foron resgatadas polo Goberno de Mariano Raxoi.

Mais esa operación de compra da AP-9 continúa no aire. E non porque a Xunta ou o Estado movesen ficha senón porque outro fondo de pensións, desta vez holandés (APG), entrou en liza. APG anunciou que adquire 59% de Intinere xunto con Corsair, até agora maioritario nesta empresa. Querían frear así a aposta de Globalia e manter as rendas dun negocio tan gorentoso como a AP-9.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 314 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios