O fondo soberano ruso anuncia que vai producir a Sputnik V no Estado español

O Ministerio de Sanidade ten complicado cumprir co obxectivo de ter vacinado contra a Covid-19 a 70% da poboación antes da chegada do verán. Un dos problemas cos que loita é a chegada lenta das vacinas, que agora podería cambiar parcialmente.
Chegada da vacina rusa Sputnik V a Eslovaquia (Foto: Europa Press).
photo_camera Chegada da vacina rusa Sputnik V a Eslovaquia (Foto: Europa Press).

O Ministerio de Sanidade ten complicado cumprir co obxectivo de ter vacinado contra a Covid-19 a 70% da poboación antes do verán. Unha das causas é a lenta chegada de vacinas, un problema debido a que ningunha das tres solucións autorizadas (Pfizer, Moderna e AstraZeneca) se produce no país. Esta situación podería mudar se, tal e como adiantou Nós Diario, o Goberno español autorizase a Zendal e Iberatlantic a producir a vacina rusa Sputnik V. 

A ministra Carolina Darias afirmaba no Congreso das Deputadas que o Goberno estatal "vai recibir abertamente, entusiastamente, calquera vacina que teña a autorización da Axencia Europea do Medicamento. Ese é a única marxe, é o único requisito", salientou.

Deixa así de lado a posibilidade de que a Axencia Española do Medicamento aprobe a súa distribución, como xa fixeron 46 países, entre eles Hungría, Eslovaquia e a República Checa, como o Estado español membros da Unión Europea, e tamén de que se poida fabricar no país.

Italia toma a dianteira

Países como Italia non comparten esta estratexia. De feito, esta mesma semana a Cámara de Comercio Italo-Rusa anunciou un acordo entre o Fondo Ruso de Investimento Directo (RDIF, polas súas siglas en inglés) e a empresa suíza Adienne para a produción da vacina rusa Sputnik V en Italia, converténdose así no primeiro contrato europeo para a produción da vacina, o que permitirá ao país transalpino dispor de 10 millóns de doses para finais de ano.

"É un acordo histórico que mostra o estado de saúde das relacións entre os nosos dous países e subliña como as empresas italianas saben ver máis aló das polémicas políticas", sinalou o presidente da Cámara de Comercio Italo-Rusa, Vincenzo Trani após anunciarse o acordo.

Pola súa banda, Kirill Dmitriev, director do fondo soberano ruso RDIF, asegurou na televisión estatal rusa que o seu fondo tamén chegara a acordos con instalacións de produción en España, Francia e Alemaña para producir a Sputnik V, desenvolvida polo Instituto Gamelaya de Moscova, aínda que desde a Axencia Española do Medicamento aseguraban que "polo momento non temos constancia de que se formalizase ningún contrato para a fabricación en España".

Desde as empresas galegas candidatas a fabricar a vacina rusa lamentan a falta de claridade por parte do Executivo estatal, que, por unha banda, confirmou que se tratara a posibilidade de contar con elas na Comisión Intergobernamental Rusia-España do pasado 26 de febreiro e, por outra, aseguran que non teñen coñecemento destas conversas. "Se unha parte do Goberno español confirma que se tratou nesa reunión do 26 de febreiro, sorprende que logo digan que non lles consta", sinalan fontes consultadas por Nós Diario.

En calquera caso, a galega Zendal, que produce nas instalacións da súa planta do Porriño, entre outros, o antíxeno da vacina de Novavax, ten moitas papeletas para levar a fabricación xa que, a día de hoxe, é o único centro do Estado español autorizado para desenvolver o ciclo completo de vacinas para a súa aplicación en seres humanos.

Comentarios