O Fondo de Garantía Salarial ten pendentes de pago 13.000 expedientes en Galiza

Os socialistas denuncian o ''atraso acumulado'' de Fogasa e advirten do “grave quebranto” que o retraso causa as persoas pendentes de recibir indemnizacións por despedimento que proveñen deste fondo.

photo_camera PARO1

O Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) ten máis de 13.000 expedientes pendentes de pago en Galiza. Un atraso no pagamento que xera importantes prexuízos aos e ás traballadoras pendentes de percibir as indemnizacións por despedimento que proceden dese fondo, lembrou a parlamentar do PSdeG María Quintas. A deputada socialista dirixiu unha pregunta ao goberno da Xunta sobre que medidas vai adoptar ante o Estado para que este resolva o problema que afecta a milleiros de galegos.

María Quintas demandou que a Xunta presione ao Goberno para evitar que os parados ''tarden ata tres anos en cobrar as súas indemnizacións ''

Quintas lembrou que Fogasa tiña en 2008 un total de 323 traballadores para atender 59.019 expedientes. En 2013 foron 359 traballadores para máis de 212.000 expedientes. Un aumento importante de solicitudes que non se veu acompañado por un reforzo acaído do persoal. “Isto ten provocado que en varias unidades provinciais do organismo en Galiza se viñeran acumulando un número excesivo de expedientes”.

Recriminacións

A parlamentaria socialista recriminou ao Goberno a “externalización de parte da xestión dos expedientes, o que provocou situacións de inxustiza e discriminación entre as persoas que deberan percibir os pagos”.

Ademais, afirmou que hai empregad@s que teñen denunciado “vense incapacitados para asistir a todas as vistas xudiciais para verificar se as empresas son insolventes”.

Os funcionarios xudiciais, engadiu, cifran nun 10% dos casos a presenza efectiva do Fogasa. “Isto contrasta coa obriga de amparar aos administrados e engade indefensión aos traballadores”.

Comentarios