Fomento licita o enlace que conecta a AP-9 con Lavacolla

O orzamento das obras para enlazar a Autoestrada do Atlántico coa A-54 é de 25 millóns de euros.
SC-20 en Compostela. (Xoán Roberes)
photo_camera SC-20 en Compostela. (Xoán Roberes)

En plena polémica pola suba de peaxes, a AP-9 suma un novo enlace. O Ministerio de Fomento anunciou a sexta feira o contrato de obras para o coñecido como 'enlace orbital', un vieiro que permitirá a unión da Autoestrada do Atlántico no punto quilométrico 64+500 coa A-54, a autoestrada Compostela-Lugo, e o aeroporto de Lavacolla. 

A construción do enlace, que contará cun orzamento de 25,13 millóns de euros e dará tamén servizo aos polígonos industriais e comerciais do Tambre e Costa Vella, consistirá nunha glorieta elevada sobre o tronco da AP-9 e catro ramais. O 'orbital' conectará por un vieiro con sección de autoestrada co enlace de San Marcos. Ademais, o ministerio que dirixe en funcións Xosé Luís Ábalos, executará un novo carril de trenzado entre os vehículos que se incorporen sentido A Coruña ao tronco desde o enlace Santiago Norte, cos vehículos que saen desde a AP-9 cara o 'orbital'. Segundo explica Fomento nun comunicado, este enlace "permitirá desconxestionar" tráficos do actual enlace de Santiago Norte da AP-9 en horas puntas, onde conflúen os tráficos que van ao centro da cidade como os xerados polos polígonos

Cruce do 'Solymar'

Xunto con esta actuación, o ministerio licitou por 12,5 millóns de euros a construción dunha glorieta elevada na estrada AC-12 ao seu paso pola localidade de Perillo, no coñecido como cruce do 'Solymar', co obxectivo de mellorar os tráficos de acceso á cidade da Coruña.  

Por último Fomento tamén encargou a mellora e repintado dos treitos que se atopan en peor estado de conservación do periférico de Compostela (SC-20), o vieiro que comunica o polígono do Tambre coa glorieta de Milladoiro, en Ames. Estes traballos contarán cun orzamento de 241.903 euros.

Comentarios