Fomento inicia os trámites para a eliminación de peaxes que exclúe a AP9

O Ministerio remite a Itínere, titular da AP-1, que une Burgos e Armiñón (Araba) a notificación da expiración da concesión. A multinacional tamén é propietaria da concesión da Autoestrada do Atlántico.

AP9

Fomento deu comezo aos trámites para liberar a AP-1, a autoestrada que une Burgos e Armiñón (Euskadi) após catro décadas de ser explotada por empresas privadas. Na actualidade, a propietaria da concesión é Itínere, que tamén o é da AP-9, infraestrutura que fica á marxe da eliminación das peaxes impulsada polo Ministerio e cuxa concesión non vence até 2048.

O Ministerio, segundo informa Cinco días, remitiu xa unha notificación a Itinere de que en breve expira a concesión e que se vaia preparando para ‘entregar as chaves’. Fomento farase cargo da autoestrada: a intención do departamento que dirixe José Luis Ábalos é eliminar as peaxes e subrogar o actual cadro de persoal desta autopista.

Após a AP-1 será a quenda para a AP-7 entre Alicante e Tarragona e AP-4 entre Sevilla e Cádiz; cuxas concesións acaban en 2018 e 2019. Tamén alí se eliminarán as peaxes. Un camiño que senta precedente para a AP-2 entre Zaragoza e o Mediterráneo e os tramos AP-7 Tarragona-La Jonquera e Montmeló-El Papiol, de 479 quilómetros no seu conxunto. Todos eles expiran o 31 de agosto de 2021, polo que a decisión final sobre estes tramos correspondería ao goberno naquela altura.

A AP-9 non se verá afectada por esta medida. A súa concesión vence en 2048 grazas á decisión adoptada por José María Aznar en 2000 que prorrogou en 25 anos máis una concesión que expiraba en 2023. Así pois, e de non haber cambios, até entón para transitar pola vía terrestre máis importante do país haberá que seguir a pagar peaxe.

Audasa, concesionaria da AP-9, fechou o exercicio 2017 con 44 millóns de euros de beneficio, unha cifra semellante aos 45 millóns que gañou en 2016. A facturación rexistrada en 2017 foi de 140 millóns de euros, o que supón unha facturación media de perto de 640.000 euros por cada quilómetro da autoestrada.

Cada día, Audasa ingresa na súa caixa por volta de 385.000 euros procedentes da peaxe que teñen que pagar as persoas usuarias dunha vía que pola que é indispensábel circular entre norte e sur do país, sendo a única alternativa traxectos máis longos, e duradoiros a través da estrada nacional. 

Comentarios