Folga na ITV da Galiza en resposta ao despedimento dun delegado sindical

A empresa Supervisión y Control, concesionaria do servizo, despediu a un delegado da CIG ao que acusou de facer un uso excesivo de horas sindicais durante a negociación do convenio

Concentración
photo_camera Concentración

A CIG vén de iniciar unha campaña de mobilizacións contra o despedimento dun delegado da central nacionalista no comité de Supervisión y Control (SyC), empresa concesionaria das ITV galegas. As protestas incluirán dúas xornadas de folga parcial e a celebración de concentracións de apoio en todas as estacións do país.

Supervisión y Control resolveu co seu despedimento o expediente aberto por un suposto uso abusivo de horas sindicais durante a negociación do convenio colectivo de empresa que substituirá o do Metal da Coruña, xa que entende que se trata dunha falta moi grave.

Dende a CIG anunciaron unha “resposta contundente” na rúa e nos tribunais nada máis coñecer a decisión da compañía porque entende que se trata dunha manobra para desfacerse dunha persoa “combativa, coherente e respectuosa cos dereitos dos seus compañeiros/as”. Polo tanto, ademais de recorrer a medida nos xulgados, A CIG inicia un calendario de mobilizacións que inclúe unha convocatoria de folga de catro horas (de 8.00 a 12.00 horas) para os días 29 e 30 de xuño. Ao mesmo tempo, levarán a cabo concentracións en todas as estacións do país coincidindo co cambio de quenda (de 14.00 a 15.00 horas) para informar os usuarios da ITV.

Feitos

Os feitos remóntanse a novembro de 2011 coa constitución da mesa negociadora, da que pasou a formar parte este traballador. “Comunico en tempo e forma que vou facer uso das horas sindicais para informar os meus compañeiros/as por todo o país, tendo en conta que son a persoa de referencia da CIG nas ITV”, comunicáselle a empresa para coller as horas sindicais ás que ten dereito por lei e comunícao cunha semana de antelación cada vez que vai facer uso delas.

A sorpresa chegou cando unha vez celebrado o referendo no que se aprobou o preacordo de convenio deixa de facer uso das horas e regresa ao seu posto. Entón a empresa "ábreme un expediente disciplinario; e agora resólveo considerando que se trata dunha infracción moi grave" e opta por despedilo.

O despedimento prodúcese xusto despois de que a central nacionalista se opoña á aprobación do convenio, ao entender que é discriminatorio e introduce cambios nas condicións de traballo.

A CIG critica a actitude da empresa, como represora, xa que que o despedimento responde á intención de descabezar a CIG “para así poder facer o que lle dea a gaña”. A CIG considera unha “vulneración clara dos dereitos sindicais” é o sucedido e un novo caso de represión sindical.

Comentarios