Folga indefinida na Fnac da Coruña, que rebaixa os soldos d@s traballador@s até os 400€

Na única tenda que a multinacional ten en Galiza traballan por volta de 50 persoas, todas contratadas por 30h. Pasarán a cobrar 400 euros mensais, cando o umbral da pobreza fixa o salario mínimo nos 625. Malia a crise, a empresa, que tamén lles suprime o seguro médico, incrementou beneficios en 60 millóns
photo_camera Fnac-A Coruña [Imaxe: SG]


O xigante da venda de artigos electrónicos e culturais Fnac vén de anunciar que recortará nun 15% os salarios d@s 2.400 operari@s que traballan nas 24 tendas que posúe en todo o Estado. A da Coruña, única fincada na Galiza, dá emprego a por volta de 50 persoas.

Para alén da rebaixa nos soldos, tamén lles retirará o seguro médico, "único beneficio social de que goza o cadro de persoal", segundo denuncia Francisco Castro, sindicalista de UGT e voceiro do comité de empresa.

Explica Castro en declaracións a Sermos Galiza que o cadro de persoal do Fnac-A Coruña irá á folga indefinida a partir do día 25 co obxectivo de que a empresa recúe, pois a "drástica" redución de beneficios en que se escudan "non existe". Non manexan datos de Galiza pois sinala que "a información que nos chega desde a empresa está bastante manipulada" e que "mudaron as cifras declaradas desde que presentaron o ERE". Con todo, o certo é que a transnacional non deixou de gañar cartos nin un só exercicio desde o estalo da crise capitalista. Desde 2008 até hoxe incrementou o seu haber en máis de 60 millóns de euros. "Fnac-España e Fnac-Portugal son as tendas que máis ingresos reportan", acrecenta o sindicalista, cifrando aqueles no 25% do total.

O procedemento aberto para recortar nos seus dereitos laborais é, ao entender do representante d@s traballador@s da Coruña, "abusivo, innecesario e inxustificado". Castro achácao á saída a bolsa da empresa. A reforma laboral aprobada polo PP deixa vía libre para continuar con este plan, que vén sumarse ao despedimento de 214 traballador@s practicado en 2012. Na tenda fincada na cidade herculina foron catro as persoas despedidas e os seus postos non se cubriron.

Daquela retiráronlles xa o plus por traballar os domingos e intentaron retirarlles tamén o seguro médico, canda os descontos para empregad@s. "Antes sempre comprabamos no Fnac e o montante de beneficios que correspondían a compras de traballadores era importante. Agora sáenos mellor mercar fóra", explica Castro. As negociacións emprendidas coa empresa salvaron o seguro médico. Iso si, mudando de compañía "sen previo aviso e para outra que lles sae moito máis barata".

Así as cousas, o ERE que prepara Fnac suporá unha redución da xornada laboral nun 12%, coa conseguinde rebaixa nos salarios, que se aplicará durante todo o ano agás entre o 7 de decembro e o 7 de xaneiro, polos evidentes beneficios que reportan estes festexos. Aliás, o soldo total anual reducirase nun 3%. "Xa non se fan contratos a xornada completa porque din que non lles compensan", recalca Francisco Castro. Na Coruña, practicamente tod@s @s traballador@s están contratad@s por 30h. Dos 600 euros que cobraban pasarán a cobrar 400 euros. Castro conclúe: "o umbral da pobreza estabelece que o soldo mínimo está nos 625 euros".

Comentarios