Esta cuarta feira: folga en Novagalicia Banco

Esta cuarta feira o cadro de persoal de Novagalicia Banco está chamado a unha folga de 24 horas, medida de protesta contra os plans da entidade de despedir a 2.500 empregad@s. CIG afirma que o 90% das oficinas están a secundar o paro.
NGB

Esta cuarta feira non será o mundo do ensino o único en protagonizar unha folga. Tamén os e as traballadoras de NGB están convocados a unha protesta de 24 horas. Dende as organizacións sindicais subliñouse que “os paros parciais fixeron que a empresa movera posición, pero aínda estamos moi lonxe de conseguir salvar todos e cada un dos postos de traballo”. Por iso animan a todo o persoal de NGB a secundar a folga. A CIG sinalou, xa nas primeiras horas da protesta, que pola volta do 90% das oficinas da entidade financeira secundan a folga contra o ERE.

Na última xuntanza entre Novagalicia Banco e as organizacións sindicais deixou enriba da mesa unha proposta da patronal que abrangue todos os aspectos que presentou no Ministerio de Traballo: despedimentos, mobilidade, suspensións de contrato e modificacións substanciais das condicións laborais. A empresa propón, con carácter xeral, indemnizacións por despedimento de 28 días por ano traballado cun máximo 18 mensualidades. Para o persoal maior de 55 anos no 2013, a entidade cotizaría á Seguridade Social até os 61 anos (na súa proposta inicial era até os 63).

Contraproposta sindical

Por parte da representación sindical trasladouse unha proposta para evitar que se produzan despedimentos e garantir a viabilidade da entidade. As propostas inclúen que o reaxuste debería establecerse en 5 anos, cunha condición resolutoria para paralizar o proceso se se produce a poxa por parte do FROB. Todas as propostas sindicais teñen como fin reducir a cero os despedimentos. Así, as centrais tamén avogan por un reparto do traballo entre todo o cadro de persoal. ou ben un programa efectivo de recolocacións máis alá do mínimo legal.

Comentarios