LABORAL

A folga de Albada chega ao décimo día con novas negativas da empresa e lixo nas rúas da Coruña

Segundo a CIG, a dirección da planta de Nostián rachou as negociacións de forma unilateral e quere aplicar unha rebaixa de salarios do 18 por cento. Críticas ao concello por non exercer de mediador e limitarse a sacar a policía á rúa. 

lixo
photo_camera lixo

O conflito que mantén o persoal de Albada na planta de tratamento de residuos de Nostián na Coruña e que afecta tamén á recollida de lixo na cidade chega ao seu décimo día sen que se albisque unha solución. A última quenda de negociacións tamén fracasou a pesar dunha xuntanza de oito horas na que mediou o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a CIG, “a empresa complícase calquera saída dialogada ao intentar impor unha rebaixa salarial teórica do 8%, mais que na realidade supón na nómina de cada traballador ou traballadora unha redución de arredor do 18% do seu salario. E tampouco malia que parecía que había un entendemento coa dirección de Albada para resolver a situación d@s despedid@s, finalmente non se puido chegar a un acordo polo inmobilismo da empresa”. As rebaixas salariais, os despedimentos de once empregad@s e o aumento da xornada son os puntos que levaron ao persoal á folga. A central nacionalista acusa á empresa de rachar co diálogo “de forma unilateral”.

Desde os traballadores tamén critican que o concello da Coruña permita que a empresa “faga o que lle pete” e consinta a “estafa social” que significa Albada porque “se lle está a pagar por unha reciclaxe que non realiza”. Tamén soben de ton as críticas xerais a Negreira por lavarse as mans no conflito malia que este está a provocar problemas na recollida de lixo que non poden ser solucionados polo forte despregamento policial e que xera fortes cheiros por toda a cidade, especialmente nos barrios, onde se acumulan residuos nos contedores.

Comentarios