O FMI advirte de que se aproxima unha crise "como ningunha outra"

A entidade supranacional alerta do drama económico que vén
fmi
photo_camera O Fondo Monetario Internacional é pesimista con respecto ao futuro da economía (Foto: Nós Diario).

O Fondo Monetario Internacional (FMI) vén de facer pública durante a xornada de onte a actualización das súas estimacións macroeconómicas para o Estado español, que son significativamente peores como resultado do impacto da pandemia do coronavirus, de modo que agora agarda que o país feche 2020 cunha taxa de paro de 20,8% e unha caída do Produto Interior Bruto (PIB) próxima a 8%. 

No informe bianual do FMI, Perspectiva Económica Mundial, o organismo supranacional revisou en 9,6 puntos porcentuais á baixa a previsión do PIB español para 2020. En 2021, o crecemento sería de 4,1%, o que supón unha corrección á alza de 2,7 puntos con respecto ás estimacións de xaneiro.

Trátase dos peores datos macro rexistrados polo Estado español en moitos anos, pois de confirmarse a contracción de 8% da economía sería o peor dato rexistrado en toda a serie histórica do Instituto Nacional de Estatística (INE), que comezou en 1970, así como, probabelmente, a maior crise económica experimentada polo país desde a guerra civil española.

"É unha crise como ningunha outra", asegurou a economista xefa do Fondo Monetario Internacional, Gita  Gopinath, quen alertou de que á magnitude do shock hai que sumar a incerteza sobre a súa duración ou a súa intensidade.

"Resulta moi probábel que a economía global experimente a súa peor recesión desde a Gran Depresión dos anos 30, quedando por enriba da vivida durante a crise financeira global de hai unha década. Prevemos que a Gran Reclusión, como se podería chamar, diminuirá o crecemento global de forma dramática", agregou  Gopinath.

A contracción do Estado español en comparación cos países da súa contorna sería a segunda maior en comparación coas outras grandes economías europeas, quedando só por detrás de Italia (-9,1%) e moi por diante de Francia e Alemaña, que experimentarían un descenso de 7,2% e 7%, respectivamente.

A ministra Montero discrepa co FMI

María Jesús Montero, portavoz do Goberno español e ministra de Facenda, considera que aínda é "prematuro" realizar estimacións sobre o impacto na economía da COVID-19, en referencia ao informe do Fondo Monetario Internacional.

Montero indicou que o FMI conta con "poucos datos", e que estes sitúan España nunha posición "bastante similar" á dos países da súa contorna, que presentan todos "caídas moi importantes" no seu crecemento.

Ademais, resaltou que "quizais a única luz" do informe do FMI é que o crecemento da economía roldará 4% o próximo ano, coincidindo co Executivo na importancia de "medrar" en 2021.

Comentarios