O FMI adianta un crecemento de 1,5% para a economía española en 2023

O organismo internacional revisa á alza as expectativas de inflación.
A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva (Foto: Britta Pedersen / DPA).
photo_camera A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva (Foto: Britta Pedersen / DPA).

A economía española crecerá este ano a un ritmo de 1,5%, segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), o que supón unha revisión á alza de catro décimas porcentuais respecto da previsión anterior.

Trátase dun ritmo de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) 20% maior que o índice esperado para a Galiza. Neste caso o último dato é o achegado pola Fundación de Caixas de Aforro (Funcas), que sitúa a expectativa de medre da economía galega en 2023 de 1,2%.

Porén, a institución rebaixou tamén en catro décimas porcentuais o seu prognóstico de expansión do Estado español para 2024, até 2%, segundo o informe Perspectiva Económica Mundial, presentado esta terza feira en Washington.

Así mesmo, a economía estatal seguiría crecendo substancialmente máis que a media da zona euro, cuxa previsión de expansión foi revisada á alza unha décima porcentual para 2023, até 0,8%, mais dúas décimas porcentuais á baixa de fronte ao próximo ano, até 1,4%.

Porén, o medre do PIB español ficaría por baixo do índice a nivel global. Desta forma, o FMI revisou unha décima porcentual á baixa a súa previsión de crecemento mundial para 2023. 

Así, espérase que a economía mundial frearía a súa expansión á taxa de 2,8% desde a de 3,4% de 2022, mentres que un ano despois o FMI anticipou un impulso de 3%, unha décima porcentual menos do estimado o pasado xaneiro.

Revisión á alza da evolución da inflación

O FMI revisou cinco décimas porcentuais á alza a taxa de inflación do Estado español para 2023, que se moderaría a unha media de 4,3% desde a taxa de 8,3% de 2022. Así mesmo, en 2024 os prezos subirían 3,2%.

Comentarios