As firmas de distribución sacan tallada da crise do coronavirus

A diferencia entre os prezos en orixe e destino e o incremento das vendas polo feche de outros canais fan que as grandes firmas de distribución saquen tallada grazas aos produtos de alimentación. 
 
Os prezos dos produtos frescos rexistran importantes variacións do campo á tenda (Arxina).
photo_camera Os prezos dos produtos frescos rexistran importantes variacións do campo á tenda (Arxina).

A pasada Semana Santa (entre o 6 e o 12 de abril) o consumo de alimentos dos fogares galegos medrou 19,1%, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A clientela comprou máis, pero tamén pagou as consecuencias de mercar en grandes superficies.

Segundo os datos do Indicador de Prezos Orixe Destino de COAG, o valor de produtos como as patacas, a leituga ou os repolos aumentou 500% desde que as venderon as produtoras até chegar aos lineais do supermercado.

Os prezos medran e as ofertas desaparecen, o que tamén dificulta a sectores como o do gando vacún colocar os produtos que xa non lles compra a restauración polo feche da actividade. De feito, segundo recoñece a Nós Diario a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, "hai xa semanas que as consumidoras denuncian a desaparición das ofertas en determinadas cadeas".

Para Vilalba, o feito de que existan diferenzas tan elevadas entre os prezos de orixe e de destino é "inadmisíbel", sobre todo cando "o maior gasto faise precisamente na orixe, e algúns produtos non precisan ningunha transformación".

"O que se está é a especular e a Administración non pode permitir que se especule coa alimentación, que é unha necesidade básica. Ten que estar atenta, ter en conta a toda a cadea de valor para que se paguen prezos xustos", di a responsábel do Sindicato Labrego, que pon como exemplo a denuncia realizada polas produtoras lácteas sobre a entrada de leite foráneo por debaixo de custo. "Hai que impedilo, non denuncialo, que para iso xa estamos as organizacións agrarias", insiste Vilalba.

Gabriel López, responsábel de produción vexetal da Federación Rural Galega (Fruga), recoñece que a diferenza de prezos "é brutal, e iso cando che pagan", apunta. "É unha situación que moitas veces se obvia, porque estas plataformas cómpranche o produto cunhas condicións de pago draconianas, a 30, 60 e 90 días, e cando chega a hora de cobrar non che ingresan e dinche que o produto non cumpriu os mínimos de calidade exixidos e que o mandaron á destrución. Tes que crerlles".

Este é o principal motivo polo que moitas produtoras escapan destes canais, "porque sabemos que van intentar pagarche o menos posíbel ou non pagarche". 

O plan da Xunta

Co pretexto de axudar o sector produtor galego, a Consellaría de Medio Rural vén de pór en marcha unha iniciativa denominada Mercaproximidade que ten por obxecto dar saída aos excedentes de produción de agricultoras e gandeiras. 

Para o representante de Fruga, o plan do Goberno galego é "absurdo" xa que consiste en meter as produtoras nunhas canles de comercialización que, como lembra, "son as que nos arruínan e afunden os prezos para colocar a produción e seguir alimentando as grandes superficies". "A Xunta non fai máis que intermediar e pórlles máis en bandexa o abuso. Non garante prezos nin contratos. Simplemente ponnos en contacto coas centrais de compras, que tamén o podemos facer nós", critica.

Ademais, o responsábel de produción vexetal de Fruga explica que "aínda que nos xuntásemos varias produtoras con 20.000 leitugas, non van ser as que busquen as grandes firmas, xa que priman criterios como a aparencia e a uniformidade por riba da calidade". Nas súas explotacións traballan con varias referencias, nunca monocultivos, que despois colocan en mercados ou en restaurantes onde si valoran a calidade do produto e onde lles pagan en consecuencia.

Falta de implicación

A mesma visión comparten desde o Sindicato Labrego, que lembran que as cantidades que se producen na Galiza son "incompatíbeis" coa filosofía de compra das grandes distribuidoras, que se basea na aposta polos grandes volumes de produción. 

Neste senso, Vilalba apunta que, pese a que firmas como Gadisa ou Vegalsa compran a produtores locais, "boa parte da alimentación que chega ás mesas das familias galegas provén de longas distancias" e non se diferenza do produto que esas grandes distribuidoras colocan noutro punto do Estado español. 

Con todo, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego considera que a eliminación das ofertas é unha mostra máis da "falta de implicación" das grandes cadeas de alimentación coas pequenas produtoras, que teñen fechadas as súas principais canles de comercialización.

Como recoñece, hai produtoras de vacún, patacas, cordeiro, porco celta ou queixos que están a ter problemas para dar saída a parte da súa produción.

Ademais, apunta, hai un feito que tamén xoga a favor das grandes superficies fronte as pequenas tendas de barrio, que é a comodidade de ter unha maior oferta de produtos nun mesmo sitio, o que fai que moitas consumidoras, ante as restricións á mobilidade, opten por este tipo de estabelecementos.

No que insisten ambas organizacións é na necesidade de ampliar a oferta, tanto para dar saída á produción como para evitar a escalada de prezos que se está a producir cos produtos de alimentación. Por iso reclaman á Xunta que autorice a apertura dos postos de alimentación nos mercados e das feiras, así como o autoconsumo nos fogares.

Comentarios