A final da Champions enche os tres aeroportos galegos

A celebración da final da Champions en Porto dispara a actividade das tres terminais galegas 
O aeroporto vigués de Peinador (Foto: Europa Press).
photo_camera O aeroporto vigués de Peinador será o que rexistre máis movemento pola súa proximidade a Porto (Foto: Europa Press).

O aeroporto de Sá Carneiro, en Porto, adoita captar pasaxe en terras galegas, rivalizando directamente coas tres terminais do país ─Rosalía de Castro, Alvedro e Peinador─. Mais esta fin de semana será a cidade lusa a que encha de voos os aeroportos galegos, que xa teñen practicamente colgado o cartel de completo. 

O motivo non é outro que a disputa esta fin de semana da final da Champions League no estadio do Dragão da cidade lusa, que terá a dous equipos británicos como protagonistas, o Chealsea de Londres e o Manchester City, clubs que moven un inxente volume de seareiros, máis neste caso non serán tanto persoas como aeronaves o que mova esta competición.

Segundo os datos do xestor aeroportuario AENA aos que tivo acceso Nós Diario, na fin de semana hai previstas case un cento de operacións nas tres terminais galegas. Ao tratarse de aviación xeral ─servizos non regulares─, AENA non facilita datos de orixe ou destino das aeronaves, mais fontes especializadas confirman que boa parte delas serán avións privados procedentes de Reino Unido, país dos equipos que xogarán a final, que xa non teñen posibilidade de quedar en Porto.

A terminal de Peinador (Vigo), a máis próxima a Porto, prevé un importante movemento de aeronaves de aviación xeral na fin de semana. Segundo especifica o xestor aeroportuario, algunhas das aeronaves só realizarán manobras de aterraxe e despegue, mentres que outras permanecerán estacionadas no aeroporto. Ó longo da fin de semana haberá uns 40 movementos, e o sábado e o domingo estarán estacionadas arredor dunha ducia deste tipo de aeronaves na plataforma da terminal viguesa.

No caso do aeroporto de Compostela, o Rosalía de Castro, hoxe está prevista a chegada de catro aeronaves, ás que se suman outras 12 este sábado e unha o domingo, que partirá da terminal compostelá ese mesmo día. 

En total, este sábado se poderán ver estacionadas até 16 aeronaves de aviación xeral (a maioría jets privados) no principal aeroporto de Galiza, que concentrará 40 operacións non regulares durante a fin de semana.

Por último, o aeroporto de Alvedro (A Coruña), ao ser o máis afastado de Porto e o de menor capacidade dos tres, recibirá hoxe dúas aeronaves e o sábado está prevista a chegada de catro máis. En total, arredor dunha ducia de movementos entre esta sexta feira e o domingo.

Toda esta actividade quedará reflectida nas estatísticas de maio, nas que será difícil avaliar a evolución das terminais após a fin do estado de alarma

Comentarios