xoves 16.07.2020

O fin do confinamento non reduce a aposta das galegas nos produtos da terra

A crise da COVID-19 levou moitas familias galegas a apostar nos produtos locais e no comercio de proximidade, unha tendencia que non perde forza co fin do confinamento.
Posto de alimentación no mercado de Compostela (Arxina)
Posto de alimentación no mercado de Compostela (Arxina)

O confinamento serviu a moitas familias galegas para reflexionar sobre os seus hábitos de compra.  

A conclusión de moitas delas foi  que a aposta no produto da terra era a mellor alternativa. Dese modo levaban á casa alimentos de calidade ao tempo que prestaban apoio ás produtoras galegas e aos comercios tradicionais.

Co progresivo levantamento das medidas de restrición e a reapertura das grandes superficies, esa tendencia apenas mudou, mais as produtoras están aínda lonxe de volver aos niveis previos á crise derivada da COVID-19. 

Segundo recoñece a Nós Diario o xerente da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), Higinio Mougán, "durante a pandemia, a xente tivo tempo de pensar e planificar a estratexia de compra". Nesas decisións influíron aspectos económicos e tamén de seguridade no canal de compra. 

Para moitas galegas, a garantía estaba no comercio de proximidade e no produto local, en especial para as persoas de máis idade, que fuxían das aglomeracións das grandes superficies de distribución. As máis novas buscaron esa seguridade nas compras online, evitando así saír da casa. 

Ese retorno á tenda tradicional, que como apunta Mougán "tira máis de produtos diferenciados" convive con outra tendencia detectada entre as persoas que viron limitada a súa capacidade de compra polos efectos da crise, que acoden á gran distribución "na procura de ofertas e produtos máis estandarizados". 

Con todo, a COVID-19 reforzou o "nicho" do comercio directo en produtos como a carne, as froitas, legumes e hortalizas, produtos que se viron moi afectados pola "caída brutal" do canal horeca (hostalaría e restauración). As produtoras están agora "á espreita do que aconteza" coa chamada 'nova normalidade', indica o responsábel de Agaca.

O factor prezo

Pola súa banda, Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal), sinala que o incremento na aposta no local "non é tan significativo como nos gustaría".

O problema non está tanto na calidade do produto como no prezo. De feito, López asegura que "o factor prezo segue a ser determinante na decisión de compra". As clientas e os clientes poden ter a intención de apostar no produto galego, mais sinala "esa intención se pode diluír no momento de chegar á tenda" se hai unha alternativa máis atractiva en canto ao prezo.

Alimentación saudábel

Esta dicotomía entre prezo e produto local tamén se dá cos alimentos precociñados. O confinamento fixo que moitas familias galegas tivesen tempo para pensar nas súas decisións de consumo e, en non poucos casos, que dispuxesen de máis tempo para coidar da súa alimentación e facela máis saudábel. 

Porén, o responsábel de Ucgal destaca o feito de que, igual que subiu o consumo de produtos locais, tamén o fixo o de pratos precociñados. "Baixou o consumo de peixe cando supostamente tiñamos máis tempo que nunca para cociñar", engade. 

Na súa opinión, esta realidade responde á "desidia" de parte da poboación á hora de modificar os seus hábitos na alimentación, ao tempo que supón un cambio de tendencia, xa que antes do confinamento o consumo deste tipo de preparados marcaba unha liña descendente. 

Seguridade

Respecto aos canais de comercialización, López amosa a súa preocupación por que se intente asociar a seguridade a unha canle determinada. Na súa opinión, o que teñen que facer comerciantes e Administracións e fixar unhas normas "claras, comprensíbeis e demostrábeis" que garantan a seguridade do produto non só nos lineais, senón "en toda a cadea de valor".

"Aínda podemos facer moitas cousas en materia de saúde, seguridade e imaxe. En prezo non sempre se vai poder competir", recoñece o responsábel de Ucgal, quen destaca o "bo traballo conxunto" que están a facer todas as partes para dinamizar o consumo local, de temporada e de proximidade que, como lembra, "é unha opción clara, de calidade e económica que deixa cartos no país".

comentarios