O fillo de Aznar benefíciase do desmantelamento das caixas

José María Aznar Botella --fillo do ex-presidente español-- asesorará ao fondo de investimento Cerberus na poxa pola compra de Evo --entidade que abrangue a rede de oficinas exteriores de NGB--. O presidente do FROB anunciou que a entidade deberá ser vendida este mes de agosto

José María Aznar Botella acompañado do seu pai
photo_camera José María Aznar Botella acompañado do seu pai

O fillo do ex-presidente do Goberno español, José María Aznar Botella, asesorará a través de Poniente Capital a un dos fondos de investimento voitre que poxan pola compra de Evo --a entidade financeira que abrangue as oficinas exteriores das extintas caixas galegas. 

Segundo recollen diversos medios de comunicación, tan só dous fondos ficarían na recta final do proceso de venda (Cerberus e Fidelity), embora NovaGalicia Banco aínda non o confirmase nin desmentise esta información @s representantes sindicais.

Todo apunta a que só dous fondos de investimento, Cerberus e Fidelity, poxarán pola compra de Evo

Para Clodomiro Monteiro, secretario nacional da CIG-Banca, a venda de Evo supón un chanzo máis "no proceso de desmantelamento das caixas" de aforro. Para Monteiro é "curioso" que un dos fondos que poderían resultar beneficiados da súa compra estea asesorado polo fillo dun ex-presidente e líder do Partido Popular. 

As relacións do ex-presidente Aznar co Partido Republicano ligan Cerberus coa empresa do seu fillo

Aznar Botella "entra aí por ser fillo de quen é", subliña Clodo Montero. Boa parte da dirección de Cerberus está composta por figuras relevantes do Partido Republicano, entre eles o vice-presidente dos EUA durante o goberno de George W. Bush,  Danfoth  Quayle, e o seu xefe do Tesouro, John W Snow. A estreita relación entre o ex-presidente Aznar e @s republican@s estaría no cerne da contratación do seu fillo, nomeadamente pola "información e contactos" que J.M Aznar puider achegar a Cerberus no proceso de compra de Evo, asegura Montero.

Dirixentes do Partido Republicano, á fronte de Cerberus, procuran "información e contactos" na súa relación empresarial co fillo de Aznar

Aliás, lembran desde a CIG, cumpre sinalar que "Aznar estivo xa nun fondo de investimento voitre" daquela de capital británico chamado Centauro Capital. Aznar tomou parte tamén ao longo dos últimos anos da dirección de News Corporation, grupo mediático propiedade do magnate Murdoch especializado en información financeira a nivel mundial.  

Mercar "á baixa" para obter os maiores beneficios

Evo é na actualidade unha entidade pública propiedade do Fondo de Re-estruturación e Ordenación Bancaria (FROB). Na folla de rota asinada entre Madrid e Bruxelas, a adquisición de Evo por parte do Estado obrigaba a NGB a vender ou fechar a entidade.

O presidente do FROB advirte que Evo será vendida en agosto, do contrario deberá pechar

Esta exixencia favorece a aparición de fondos de investimento como Cerberu que invisten en empresas en risco de quebra para as mercar a un prezo competitivo "á baixa" --apunta Clodomiro, e logo vendelas nos mercados financeiros polo seu valor real.  Un xogo especulativo de grandes beneficios económicos para este tipo fondos de investimento.

Comentarios