FEVE suprimirá liñas de ferrocarril na Coruña e Lugo

Actualmente, as liñas de Ferrocarrís de Vía Estreita (FEVE) son escasas no noso país. De producírense as supresións, causarían graves efectos nas conexións do norte peninsular.

Cada día, son moitas as persoas que empregan as liñas de vía estreita para se desprazaren, quer por motivos laborais, quer estudantís ou persoais. A eliminación dalgúns dos horarios --anunciado polo novo presidente de FEVE, que asegurou non estar disposto a transportar "ar"--, repercutiría de maneira moi negativa no noso país.

Marcos, é estudante e foi usuario durante un curso académico da liña Ribadeo - Ferrol, na súa opinión, "na Mariña é o único medio que pode responder para desprazamentos entre as as distintas poboacións da comarca", de suprimírense as liñas, Marcos asegura que "sería o fin do transporte de proximidade" pois na Mariña, asevera, "os autobuses non contan".

Redución de liñas a partir de outubro
Os cambios propostos suporían a redución, aínda máis, dos horarios e afectarían ás liñas de Ferrol-Uvieu; Ferrol - Ribadeo e Viveiro - Ribadeo. Para o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, o único que se conseguiría sería "continuar a dispersar máis a nosa poboación e que haxa cidadáns de primeira e de segunda".

Malia que, hai uns meses o ministerio de Fomento aseguraba que o servizo de FEVE "non se tocaba", o certo é que a chegada de Marcelino Oreja á presidencia da entidade, cambiou os plans iniciais. Desde a Plataforma "Salvemos o Tren", asegura que "non se pode crer que un goberno diga unha cousa e logo non leve adiante os seus compromisos". Asemade, Galiza será un dos territorios que perderá mais liñas de FEVE, mentres se manteñen outras máis deficitarias en Asturies e Cantabria. Porén, a realidade é que o actual goberno español, aposta máis polas autovías do norte, "polo transporte privado para quen teña coche e poida pagar o combustíbel", aseveran desde a Plataforma.

Comentarios