Ferrolterra cárgase de dignidade polo naval

Unha acción popular, artística e combativa enche os valados de Navantia con prendas que simbolizaron "a dignidade" do naval ferrolán

 

[Imaxe: @patri_hermida]
photo_camera [Imaxe: @patri_hermida]

Unha "burla negra", así calificaron este domingo en Ferrol a política da Xunta de Galiza co naval. O colectivo que noutrora encabezara a resposta d@s artistas á catástrofe do Prestige rexurdiu baixo o nome de Radio Buguina para se sumar ao movemento de solidariedade co naval galego.

Nesta primeira acción artístico-combativa e popular, centos de persoas penduraron dos valados do estaleiro de Navantia para "cargar de dignidade" un sector estratéxico para Galiza que deixa xa máis de 2.300 postos de traballos destruídos. 

 "A crise económica é a grande burla negra", denunciaron desde Radio Buguina "en Ferrol fai tempo que se sabe, que se sofre, que se engole a negra sombra"

Xurxo Souto, Mercedes Peón, Manolo Bacalhau, Roberto Somozas e María Manuela acompañaron ao Comité de Navantia nesta xornada de loita da que tamén tomaron parte representantes do Bloque Nacionalista Galego, Alternativa Galega de Esquerda e do PSdeG. 

Desde as 11.00 até as 14.00h centos de persoas penduraron das reixas do estaleiro prendas de roupa que foron desde as tradicionais batas --símbolo do traballo-- até camisolas, pastalóns ou mesmo vestimentas das crianzas. Moreas de pezas que se viñeron a sumar aos buzos d@s traballador@s do naval. 

No acto, representantes do Comité de Navantia denunciaron que a Xunta de Galiza, o Goberno español e a Unión europea estean empregando a crise como "excusa" para deixar esmorecer un sector vital para a comarca e para o país. "A crise económica é a grande burla negra", denunciaron desde Radio Buguina "en Ferrol fai tempo que se sabe, que se sofre, que se engole a negra sombra", sentenzaron. 

Cunha taxa de desemprego do 32%, na comarca de Ferrolterra só un terzo da poboación traballa. O acto deste domingo, tiña por obxecto amosar a reixa de Navantia cargada coa dignididade daquel@s que non se renden e que camiñan xa cara á unha folga xeral comarcal que terá lugar o vindeiro 12 de xuño. 

Comentarios