CIG insta a Xunta a actuar ante a decisión de Ferroatlántica de levar a produción de silicio a Puertollano 

Reclámalle á Xunta que garanta a transformación en Galiza do silicio extraído da mina de Serrabal.

 

(Foto: CIG)
photo_camera Mobilización en defensa de Ferroatlántica (Foto: CIG)

Non existe motivación ningunha: nin organizativa, nin económica nin produtiva, que xustifique a decisión de Ferroatlántica de trasladar a produción de silicio solar de Sabón (Arteixo) a Puertollano. Así o manifesta a CIG, primeira forza sindical en número de delegados nas empresas do grupo en Galiza, que rexeita a decisión da empresa.

“A decisión demostra que, fronte ao que aseguraba o Grupo Villar Mir,  a venta das centrais hidroeléctricas non era condición indispensábel para afrontar con garantías este proxecto, pois a súa posta en marcha na fábrica de Puertollano suporá un custes máis elevados, tanto de construción como de produción, tendo en conta os consumos enerxéticos e o transporte que carrexa”, indican desde o sindicato.

Xuntanza co conselleiro

A CIG  reclama á Xunta de Galiza que non permita o que cualifica como “novo espolio dos nosos recursos. Insta o Goberno de Feijoo a impedir que os recursos que se explotan nas minas “do noso país sexan transformados fóra. Non se pode consentir que Galiza asuma os custes ambientais e sociais, mentres os beneficios, a creación de postos de traballo, e os custes en inversións e desenvolvemento pagados pola Xunta foxen do país”.

O sindicato anuncia que solicitará unha reunión co conselleiro de Industria para demandar que garanta a transformación en Galiza do silicio extraído da mina de Serrabal. Así mesmo, CIG fai un chamamento a defender, mesmo coa mobilización,  o noso dereito a ter un futuro industrial en Galiza.

Historia

Este proxecto iniciouse en Sabón no ano 2000 como un proxecto de I+D, subvencionado na súa maior parte pola administración galega, e que se vale dunha materia prima fundamental para a súa elaboración (mineral de cuarzo) que se extrae da mina de Serrabal (outra das concesións administrativas que explota Ferroatlántica en Galiza). Dita iniciativa consolidouse no ano 2008 coa creación da empresa Silicio FerroSolar.

No 2014 aprobouse un novo investimento para o desenvolvemento da segunda etapa do proxecto, avalado polo Goberno galego e o Concello de Arteixo, que implicou a construción dunha nova nave en Sabón e que suporía a creación de 90 postos de traballo.  Finalmente, en setembro de 2016  Ferroatlántica anunciaba outro paquete de inversións para a construción dunha nova planta para a fabricación de silicio solar, que deixou en suspenso ao supeditala á venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Grande e Xallas.

Comentarios