Ferroatlántica adquire fábricas en Europa que serán competencia directa para a súa factoría en Galiza

ferroatlantica
Fotografía de Xurxo M. Rodríguez Baña
photo_camera Fotografía de Xurxo M. Rodríguez Baña

FerroGlobe (o grupo industrial no que se integra Ferroatlántica) vén de comprarlle a Glencore as fábricas de aliaxes de manganeso que ten en Francia e Noruega. Instalacións que se converterán en competidoras directas da produción que se realiza na planta de Ferroatántica en Brens (Cee), alertan desde a CIG.

A factoría de Cee conta con tres fornos de produción, dos que o 13 e o 14 son de manganesos (ferromanganeso e silicomanganeso), e que, ademais, segundo o sindicato nacionalista, é a máis obsoleta do Grupo: “Leva 23 anos sen facer investimentos para a modernización e mellora do complexo industrial da Costa da Morte”.

Para a CIG, a compra agora das plantas de Glencore supón “unha nova ameaza para a viabilidade e o futuro de Cee e Dumbría, ao producir o mesmo pero con instalacións máis modernas e un custe enerxético inferior”.

Alegacións

O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas vén de presentar alegacións ao recurso de alzada trasladado pola empresa contra a decisión de Augas de Galiza de non autorizar a segregación de actividades das fábricas de ferroaliaxes e as plantas de produción enerxética. O comité critica que o Grupo Villar Mir non asuma o ditame da administración galega e teime nos seus plans que van, para os traballadores, “contra o emprego e a viabilidade das fábricas da Costa da Morte”. Para o comité, os actos de Ferroatlántica demostran que o plan industrial "era unha gran mentira".

Comentarios