Ferramentas e estratexias para aprender a innovar

O coworking do Concello de Carballo ofrece o curso de dous días Estratexia Creativa para emprendedores, impartido polo cofundador de BeLanders.

coworking_carballo
photo_camera O 'coworking' do Concello de Carballo leva funcionando desde o pasado mes de marzo (coworkingcarballo.gal)

O coworking do Concello de Carballo, un espazo de traballo compartido que botou a andar o pasado mes de marzo, organiza os días 20 e 21 de outubro, de 19 a 21 horas, nas aulas de formación do Forum o curso "Estratexia Creativa para emprendedores", que será impartido polo carballés Andrés Queijo, cofundador de BeLanders.

A capacidade máxima, debido as restricións estabelecidas por mor da crise sanitarias, é de 10 persoas. Terán prioridade os usuarios do coworking e de quedar algunha libre, as prazas cubriranse segundo a orde de inscrición no formulario da páxina web coworkingcarballo.gal.

O curso estruturase en cinco grandes áreas. Na primeira, "Plan de negocio", analizarase que é un proxecto, as súas características e estrutura e como conseguir financiamento tanto público como privado, así como as preguntas principais que xorden á hora inicialo. Ademais, tamén se analizarán cuestións referentes ao mercado e os competidores e ao posicionamento estratéxico.

Na segunda, "Lenzo do modelo de negocio" ("Business Model Canvas", BMC, nas siglas en inglés), abordarase todo o referente a esta ferramentas por excelencia para deseñar ou comunicar o modelo de negocio. Trátase dun mecanismo de xestión estratéxica e de validación. No curso explicarase como levalo a cabo, con exemplos como o de Uber e Ikea.

Mapa de empatía e DAFO

Na terceira área, "Como consolidar o noso proxecto", falarase doutro tipo de ferramentas necesarias para o coñecemento interno do negocio, como o mapa de empatía ou a DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades), así como as chaves para as elaborar.

A cuarta área, "Plan de traballo Lean Startup", centrarase nesta outra metodoloxía para o desenvolvemento dun negocio ou un produto, con dúas cuestións básicas a tratar: como se forma un proxecto e como se innova dentro dunha sociedade tradicional.

Por último, farase unha proba práctica do tratado no módulo de aprendizaxe a través da aplicación móbil kahoot, plataforma gratuíta que permite a creación de cuestionarios de avaliación.

Comentarios