A fenda salarial entre homes e mulleres en Galiza supera o 20%

O salario bruto no noso país é un 12% inferior á media estatal.

salario soldo cartos diñeiro

O salario bruto medio en Galiza fica un 12% por baixo da media española, según indica a enquisa de estrutura salarial que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE). Aliás, as mulleres teñen en Galiza un salario que é case un 21% inferior ao dos homes: 17.797 euros fronte a 22.500. Por sectores, no da industria rexistrouse o salario máis alto (23.000), o que supón por volta de 4.000 euros máis que a media no sector servizos. A ganancia media por hora traballada en Galiza foi de 10,14 euros: 10,48 na industria, 9,43 na construción e 10,1 en servizos.

As diferencias tamén deixan pegada en canto a estudos realizados, segundo esta enquisa do INE. Así, aqueles que realizaron até educación primaria teñen un soldo bruto medio de 15.362 euros, o que é a metade do salario medio dos doutores universitarios (31.000 euros).

En función da xornada laboral, os traballadores galegos con contrato a tempo completo recibiron 23.270 euros brutos anuais de media e os da tempo parcial, case 9.000 euros. Tamén se analizan estes aspectos salariais por idades. Así, a media fica apenas nos 11.500 euros para aqueles traballadores con menos de 25 anos, de 20.342 para os de 35 a 44 anos e case 23.500 para os de máis de 55 anos de idade.

Comentarios