A fenda na riqueza por habitante alárgase entre as comarcas galegas

Comarcas como Eume teñen un PIB per cápita superior mesmo á media da Unión Europea. Mais son excepcións. A maioría das bisbarras (42 de 53) non acadan nin a media galega. 

vista galiza rural urbano xeografía territorio

Das 53 comarcas en que se divide Galiza só 11 teñen un produto interior bruto (PIB) por habitante que iguala ou supera a media do país. As 42 restantes fican por baixo dela. E cómpre lembrar que a riqueza por habitante en Galiza fica por baixo da media do Estado e moi por baixo da media da Unión Europea. Así pois, hai 42 comarcas galegas que, no que a PIB se refire, están descolgadas, con perigo de ficar desenganchada do evoluír do ámbito europeo. É unha das conclusións que pode extraerse do informe do IGE (Instituto galego de estatística) que vén de darse a coñecer nestas datas de Nadal e centrado no exercicio 2012. O documento analiza e debulla o Produto interior bruto por comarcas e concellos, deténdose nos diferentes sectores de cada territorio e na evolución da riqueza nestes anos.

Hai 42 concellos galegos cuxo PIB por habitante non chega nin ao 50% da medida galega. É dicer, non acadaban os 10.250 euros anuais

Temos pois que en 2012 só 11 das 53 comarcas galegas tiñan un PIB por habitante que era igual ou superior á media galega (20.574 euros). Destaca entre elas a do Eume, cunha riqueza por habitante de 28.520 euros, por riba da media galega, da estatal (22.772 euros) e da da Unión Europea (25.500). Santiago, A Coruña ou A Mariña Occidental son alguhas das comarcas que, sen chegar aos índices do Eume, forman parte deste grupo. Mais son unha minoría. A gran maioría das bisbarras do país, 42 de 53, non chegan á media galega de riqueza por cabeza. Entre as máis baixas, as comarcas ourensáns de Baixa Limia (11.537 euros por persoa) e Terra de Celanova (11.592). Case 10.000 euros anuais menos que a media galega e a 17.000 euros da de Eume ou Santiago.

Fendas

Hai fendas importantes entre as comarcas galegas, como vimos de ver. O PIB por habitante na Baixa Limia supón apenas o 40,5% do que teñen no Eume, menos da metade. Son dúas comarcas que teñen diferenzas importantes, desde a que indica a pirámide de poboación até a especialización produtiva. No Eume teñen o principal alicerce na 'enerxía, suministración de augas e xestión de resíduos' mentres que na Baixa Límia é o sector primario.

Este mapa do IGE non é só comarcal, senón que tamén é por concellos. Dos 313 concellos que Galiza tiña en 2012, só 38 igualaban ou superaban o mencionado PIB per cápita galego. Os 277 restantes quedaban por abaixo. E en 42 deles mesmo por baixo da metade, é dicir non acadaban os 10.250 euros anuais. E 149 municipios teñen un PIB por habitante que está entre o 50 e o 75% da media galega.

Comentarios