A fenda comarcal na Galiza: a renda por habitante nas máis ricas duplica a das máis pobres

As sete grandes cidades concentran o 42% da renda galega.
Vivenda nova e de vella
construción no barrio de
Santa Marta, en Santiago de
Compostela (Arxina).
photo_camera Vivenda nova e de vella construción no barrio de Santa Marta, en Santiago de Compostela (Arxina).

Entre a comarca que rexistra mellores cifras na renda por habitante (A Coruña, 18.319 euros) e a que ten peores números (A Paradanta, 9.046) hai unha fenda que non deixa de alargarse. Un veciño da primeira ten uns ingresos de media que duplican os da segunda. As dúas Galizas.

Un 36% dos habitantes da Galiza reside nos sete concellos máis poboados, o cal ten influencia sobre a repartición da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun municipio, senón porque tamén dá a idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación.

De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23% do total da renda (e o 19,6% da poboación). 

Pola súa banda, Oleiros, cunha renda por habitante de 22.959 euros en 2018, segue como o concello que ten unha maior renda, este ano un 51,7% superior á media galega (un total de 15.132 euros). 

Outros seis concellos teñen unha renda media por habitante que supera en 15 puntos ou máis á media nacional en 2018: A Coruña, Santiago, Bergondo, Nigrán, Ourense e As Pontes. Os de Teo, Lugo e Pontevedra completan os 10 concellos con máis renda por habitante.

Salarios e prestacións sociais

En 2018, a remuneración de asalariados foi a principal fonte de renda de 216 concellos galegos (o 69%). Desde 2013 está a incrementarse o número deles cuxa principal fonte de renda son os salarios. Con todo, en 95, sobre todo do interior, son as prestacións sociais as que achegan un maior volume de recursos, aspecto moi vinculado ao envellecemento da poboación.

No período 2010-2018 hai catro consistorios nos que a principal fonte de renda son as mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado: Friol, A Pastoriza, Portomarín e A Illa de Arousa.

En toda Galiza, as cotizacións sociais pagadas cobren 66% das prestacións sociais que reciben os galegos e galegas. Só en oito concellos: Ames, Arteixo, Brión, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oroso e Salceda de Caselas son maiores as cotizacións sociais pagadas que as prestacións sociais recibidas polos residentes.

Diferenzas entre comarcas

Por comarcas, as da Coruña e Santiago son as que presentan unha maior renda bruta por habitante e as únicas que superan os 17.000 euros. Nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, Terra de Caldelas e Terra de Celanova as prestacións sociais que reciben os fogares son a principal fonte de renda.

Comentarios