martes 24/11/20

Feixoo insiste en que non ven outro futuro para Alcoa que "mantela aberta"

O presidente da Xunta dixo confiar en que Alcoa actúe "con coherencia" e de "boa fe". Así o explicou ante os medios de comunicación nunha visita a outra empresa, neste caso de Lugo.
Feixoo na súa comparecencia de hoxe. (Foto: Europa Press)
Feixoo na súa comparecencia de hoxe. (Foto: Europa Press)

Alcoa debería seguir aberta. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, volveu defender esta segunda feira que o goberno galego non “contempla ningunha posibilidade que non sexa manter aberta” a factoría situada en San Cibrao.

É unha consideración que xa trasladou máis veces desde que comezou o conflito entre a multinacional e o cadro de persoal pola decisión da primeira de botar o feche á fábrica de aluminio de Cervo.

Para defender as súas palabras, Feixoo lembrou aos medios que “o auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza é moi claro e acredita que parar as cubas podería supoñer o fechamento definitivo e a disolución da compañía”.

No entanto, para o político o momento fundamental deste proceso vai ser cando se coñeza a sentenza sobre o ERE que Alcoa presentou e que debería ser publicada en decembro.

“Ese fallo vai ser clave” para o futuro da factoría (e dunha boa parte do emprego) na Mariña.

“Nós agardamos de Alcoa que actúe con coherencia, de acordo co auto do Tribunal Superior; que actúe de boa fe para poder transferir a propiedade a unha compañía que estea disposta a xestionala e o Goberno central e a Xunta traballamos nese escenario”, comentou, confiando novamente no grupo empresarial a pesar dos cambios que tomou.

A semana pasada, contou, houbo un encontro entre as partes, para intentar facer ese traspaso de mans. Porque “España precisa aluminio primario e onde se fai é na Mariña”.


 

comentarios