Feijóo xoga a baza do naval após destruírse neste sector 8.000 empregos baixo o seu mandato

Os anuncios do candidato do PP de carga de traballo non convencen os sindicatos. “A situación é complicada e Feijóo fai o de todas as campañas: promesas electorais, sen máis”.

O naval, de novo nas rúas

Non hai verdadeira campaña electoral até que chegan as promesas e anuncios para o naval galego de Núñez Feijóo. A sentenza, vista en redes sociais, resume cunha carga profunda de ironía o sentir de non poucas persoas ante, máis unha vez, as promesas do candidato do PP en campaña a respecto do naval galego. Porque, ao igual que na de 2012, o naval volveu entrar en campaña de eleccións galegas. Tanto en Vigo, coa entrega do flotel de Pemex, como coas promesas a respecto de Navantia. Feijóo volve xogar a baza do naval ás portas das eleccións, un sector no que se destruíron por volta de 8.000 empregos baixo os gobernos de Núñez Feijóo, como denuncian os sindicatos.

“Son publicidade, promesas electorais que fai en campaña”, opina Xoán Bouzas Aboi, de CIG-Industria, que lembra que para alén de declaracións e comunicados oficiais a situación real no naval galego é “complicada, difícil”. En conversa con Sermos Galiza, Bouzas Aboi lembra que o naval de Vigo continúa coa auga ao pescozo. “Os grandes estaleiros, Barreras e Vulcano, non teñen garantida ningunha carga de traballo. Cando Barreras entregue este flotel, que? Non hai nada! E Vulcano está nun novo ERE, que finaliza en tres meses e como non haxa solución vai para a liquidación da empresa”.

O secretario nacional de CIG-Industria afirma que as propias empresas do sector séntense “abandonadas” pola Xunta, que non dá “nin apoio financeiro, nin se molestar en facilitar contactos...”.

Desleixo

A respecto das promesas e anuncios de Feijóo para Navantia, Bouzas Aboi lembra que, embora ser aprobada hai anos polo Parlamento Galego unha lei que posibilitaba que a Xunta entrase no consello de administración do estaleiro público, o goberno galego negouse a dar este paso. “Unha boa mostra do seu interese”, conclúe Aboi.

A respecto do anuncio de que Ibredrola adxudica Navantia un pedido de jackets -estruturas que suxeitan os aeroxeradores no mar- desde a CIG chaman a ser cautelosos: “Imos ver a ónde vai a ganancia, porque en Ferrol vaise facer o corta e pega e o realmente importante, todo o labor de enxeñería que implica e leva, vai facerse nos estaleiros do sur de España”. E iso, engade, que en Navantia Ferrol hai tecnoloxía e persoal capacitado para facer esas tarefas.

Actuacións

Para a CIG, para alén de granatir carga de traballo, un paso que cómpre dar a respecto do naval galego é crear polo Goberno central un fondo de compensación para os traballadores do naval co obxectivo de garantir tanto as prestacións económicas como as perdas sufridas durante os anos 2008/2015, cotizacións á Seguridade Social e revalorizacións das bases de cotización das pensións existentes e futuras, así como a reposición das prestacións e subsidios de desemprego.

Comentarios