Feijóo di que non hai cartos para o dique flotante de Navantia que prometeu en campaña

A construción da infraestrutura segue no aire. A Xunta pide que se recorten os custos, a empresa alega falta de financiamento e a SEPI ten que pedir permiso a Bruxelas. Entrementres, sindicatos e traballadores insisten en que o dique é a solución que paliaría a falta de carga de traballo para o estaleiro público de Ferrol

O dique flotante para o estaleiro público de Ferrol, reclamado como solución contra a falta de traballo no sector naval, está agora mesmo en mans do goberno español e de Bruxelas. Após comprometer o financiamento necesario para a construción desta infraestrutura durante a campaña electoral, o PP di agora que non se pode facer cargo se non se reducen os custos.

A mesma postura adoptárona Navantia e a SEPI --sociedade estatal de participacións industriais-- na Comisión de seguimento, que se reuniu finalmente, após adiar a Xunta o encontro durante 50 días. Navantia escudouse na falta de financiamento, e a SEPI na necesaria aprobación de Bruxelas.

A pelota, ao tellado de Bruxelas
Así as cousas, entrementres os traballadores do naval colocan o dique como solución que paliaría de inmediato a falta de carga de traballo, a SEPI di que lle ten que preguntar á UE, e que realizaría unha consulta non vinculante.

Da xuntanza saíu un informe que sinala que a infraestrutura é viábel desde o punto de vista técnico, mais di a sociedade española que xera riscos desde o eido xurídico porque a lexislación europea limita a capacidade de construción dos estaleiros públicos, segundo informaron nun comunicado de imprensa. Por isto, acordaron "comunicar a Bruxelas o incremento da capacidade de construción que suporía" dispor do reclamado dique flotante, e pedirlle permiso para financiar o proxecto a través dunha sociedade vehículo.

Os sindicatos calculan que o custo das obras ascende a, cando menos, 180 millóns 
Pola súa banda, o presidente do Comité de empresa de Navantia, Ignacio Navieras --CCOO--, sinalou que a SEPI xa recoñeceu dispor de fondos propios para custear as obras, asumindo un gasto que os sindicatos calcularon entre 180 e 210 millóns de euros, sumando permisos e proxectos de dragado. Engadiu Navieras que o até o de agora director xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces, comprometeu o apoio da Xunta á infraestrutura se o orzamento se axusta a 140 millóns.

Sobre a actitude do executivo de Núñez Feijóo pronunciouse tamén Manel Grandal, un dos voceiros da CIG en Ferrol e membro da sección sindical de Navantia. Queixouse da actitude da Xunta, sinalando que saíu na prensa defendendo a necesidade da contrución do dique para vir agora con que "non lle vale a parte económica e que para comprometerse no financiamento do dique hai que rebaixar o custo total". Tamén arremeteu contra a pelota que a SEPI enviou ao tellado da UE, recalcando que desta volta "o xogo está en lle botar a culpa a Joaquín Almunia”, valoraba Grandal, en referencia ao cargo que ocupa o político socialista como comisario de Competencia da UE".

Após 50 días de atraso, un mes de peche no concello de Ferrol e case dous anos de intensas mobilizacións, o naval segue sen unha carga de traballo que permita manter os niveis de emprego, e coa veracidade sobre a construción de dous buques hoteis para Pemex aínda no aire. A dirección da empresa asegurou xa que até xaneiro de 2013 non se adxudicarán os contratos que a Xunta leva meses vendendo como pechados.

Comentarios