Feijóo responsabiliza os comerciais de Navantia da crise do estaleiro

O presidente autonómico afirma en Barcelona que nin Xunta nin goberno central son os que deben conquerir carga de traballo para Navantia

Traballo Navantia

En Barcelona, a 1.098 quilómetros de Ferrol, o presidente da Xunta falou de Navantia. E fíxoo para achacar ao departamento comercial deste estaleiro (público, polo tanto dependente do Estado, do goberno central no que goberna o seu partido) a falla de carga de traballo.

Para Feijóo nin Xunta nin executivo español son quen ten que garantir ou procurar traballo para este estaleiro, senón que iso é tarefa dos e das comerciais. Por iso, apuntou na cidade catalá, esas persoas “teñen que conquerir contratos”. De non facelo, mesmo insinuou coa posibilidade de despedilos (“cambialos”, dixo).

Despedimentos

En Ferrol hai latexante unha gran preocupación pola posibilidade de que a adquisición de Barreras por Pemex implique que o tan anunciado flotel a facer en Navantia se vaia construír finalmente en Vigo.

O número de traballadores despedidos en empresas auxiliares do naval de Ferrolterra por falta de ocupación no último ano e medio ascendeu ata os 1.815, segundo os datos facilitados polo Comité de Empresa de Navantia Ferrol. Unha cifra que mostra até que punto este sector atravesa unha profunda crise, sen que as promesas do PP, tanto no que atinxe ao dique flotante como aos contratos con Pemex, se den concretado. O sector naval galego perdeu nestes anos milleiros de empregos, o que ten ocasionado mobilizacións multitudinarias tanto en Vigo como en Ferrol.

Comentarios